Concello de Sanxenxo - A ASOCIACIÓN GALEGA DE ARTESÁNS XESTIONARÁ A FEIRA DE ARTESANÍA DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de catro empresas mostráronse interesadas na organización da cita que se desenvolverá do 15 ao 31 de agosto

Turismo de Sanxenxo adxudicou esta semana en consello de administración a xestión da Feira de Artesanía de Portonovo á Asociación Galega de Artesáns (AGA). O colectivo que conta cunha ampla experiencia na organización de citas deste tipo como a Mostrart da Coruña ou a Feitoaman de Vigo obtivo a mellor puntuación no proceso selectivo.

Sanxenxo ofrecerá un novo modelo de feira baseado en produtos de proximidade e de calidade que non supoñan unha competencia para o comercio local e que sexa un reclamo turístico. O goberno aposta por unha nova feira que profunde na importancia do municipio como destino turístico e de calidade.

A AGA que se encargará da xestión e montaxe. Serán en total 30 casetas cunha dimensión de 3x2 metros, con paneis de cor branca e un rótulo en vinilo de cor negra co nome do expositor. O teito conta cunha prolongación na parte dianteira para achegar sombra e evitar a entrada da choiva. Complementariamente a adxudicataria contempla a colocación dunha estrutura de 5x5 que darían unha cobertura engadida para a protección contra posibles inclemencias meteorolóxicas e asegurarían un espazo de paseo de 3 metros de profundidade con protección para o sol.

En canto á selección de expositores, a AGA abrirá un proceso no que se incluirán as condicións para participar, os custos e o sistema para presentar documentación que deberá ser sempre por vía electrónica. A feira abrirase o 15 de xullo ao 31 de agosto. O horario de apertura das casetas será de seis da tarde a unha da madrugada e ampliarase os fins de semana cunha quenda matinal de doce do mediodía a dúas da tarde. Os interesados poderán contratar o prazo completo de apertura ou por semanas naturais.

Ademais, a Asociación Galega de Artesáns inclúe na súa memoria de actividades a realización de talleres inscritos no rexistro xeral de artesanía e encargarase da contratación do servizo de vixilancia e do mantemento das casetas.

0
0
0
s2sdefault