Concello de Sanxenxo - A EMPRESA MUNICIPAL NAUTA SANXENXO INICIARÁ ESTE LUNS AS ACHEGAS DE AREA NAS PRAIAS DA CARABUXEIRA E LAVAPANOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A firma Marcor Xove executará a actuación coa que se pretende recuperar 5.000 metros cúbicos de area en ambas as praias

A empresa municipal Nauta Sanxenxo recibiu esta mesma mañá o último permiso pendente para acometer achegues de area nas praias da Carabuxeira e Lavapanos. A firma Marcor Xove iniciará o vindeiro luns pola mañá os traballos que se estenderán ata o venres cos que se pretende sumar aos perfís de ambos os areais un total de 5.000 metros cúbicos de árido. Os prazos veñen marcados pola idoneidade das mareas para poder recolocar a area que se atopa nos frontais de ambas as praias. A actuación de mantemento será sufragada pola empresa municipal e terá un custo de case 50.000 euros.

Os traballos de rexeneración e mantemento que se van a acometer en ambos os areais veñen precedidos do permiso de Costas, recibido esta mesma mañá, así como dos informes favorables da Autoridade Portuaria de Marín, Capitanía Marítima, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial e Infraestruturas, María Deza, visitaron esta mañá ambas as praias cos operarios da empresa que acometerá os traballos de mantemento. Marcor Xove que xa se encargou do dragado e colocación dos diques xeotextiles o ano pasado, uns traballos que permitiron un achegue de 10.000 metros cúbicos de area na Carabuxeira.

A actuación que levará a cabo agora dará comezo pola Carabuxeira, luns e martes, e continuará en Lavapanos, o mércores, xoves e venres. Os traballos realizaranse con dous retroexcavadoras, de 18 e 8 toneladas, e 4 dumpers aproveitando as mareas baixas. Durante o tempo que duren as tarefas de rexeneración e mantemento en cada praia non se permitirá o acceso ás mesmas por motivos de seguridade.

Mentres tanto, continúa en tramitación a fase final do proxecto de rexeneración de ambas as praias na que se contempla a construción dun espigón rampla perpendicular ao litoral, unindo as rocas existentes, de case cen metros de longo por 2,34 de ancho.

0
0
0
s2sdefault