Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO REDOBRA A SÚA APOSTA POLO PROXECTO DE REHABILITACIÓN DO VELLO COLEXIO DO CRUCEIRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A reforma exposta pola arquitecta local Irene Campo converterá o edificio nun modelo de eficiencia enerxética e accesibilidade

O goberno redobra a súa aposta polo proxecto de rehabilitación do vello colexio do Cruceiro cun plan integral co que, ademais de responder as necesidades sociais, educativas e culturais da parroquia de Vilalonga, converta ao edificio nun modelo de eficiencia enerxética e accesibilidade. O orzamento total do proxecto, realizado pola arquitecta local Irene Campo, ascende a 3.037.373 euros e opta aos fondos Next Generation.

O obxectivo é rehabilitar o edificio na súa totalidade para dotalo de novos usos públicos. A planta baixa destinarase a biblioteca e un centro social de maiores. As plantas primeira e segunda destinaranse a Centro de Formación Profesional coa especialidade Dual de Cociña e Restauración. Co obxectivo de converter o edificio nun espazo accesible na súa totalidade, o proxecto incorpora un ascensor no núcleo de comunicación principal e a adecuación das pendentes existentes nos espazos exteriores.

O centro social de maiores sitúase na zona do antigo ximnasio, cunha superficie útil de 375 m2. Este espazo estará dotado de dous grandes espazos para cafetaría e escenario con zona de baile, que poderán estar vinculados ou ser independentes. Estes espazos compleméntanse cunha pequena cociña, camerino, roupeiro, e aseos. Ademais, a cafetaría poderá vincularse cos usos de hostalaría das plantas superiores, onde os alumnos poderán facer simulacións e servir almorzos. Da mesma maneira, a parte do escenario e baile pódese converter nun gran espazo para conferencias ou presentacións de diversa índole con capacidade para 120 persoas.

A nova biblioteca terá unha superficie útil de 185m2 e contará con zona de estudo, zona infantil, zona de computadores, arquivo e aseos, ademais dunha área de lectura exterior cun pequeno patio axardinado onde se poderán realizar as presentacións de libros e talleres infantís. Tanto a biblioteca como o centro cívico terán accesos, servizos e instalacións individuais, o que fai que poidan funcionar de maneira independente ao resto do edificio podendo ter diferentes horarios de uso.

As plantas primeira e segunda suman un espazo útil de 1.032 m2 (535 m2 en planta primeira e 497 m2 en planta segunda). Nelas situarase o ciclo profesional básico de Cociña e Restauración en modalidade de FP dual. Un ciclo de alta demanda na área e que suporá unha oportunidade para os mozos da zona. Estará formado por espazos de aulas polivalentes, taller de cociña e office, taller de restaurante e bar, cos equipamentos necesarios.

Sustentabilidade e eficiencia enerxética

O proxecto suporá un aforro do 95% do consumo enerxético e do 96% en emisións de CO2 a través de dúas formas:

  • Mellora da envolvente térmica do edificio coa instalación de cerramentos e carpintarías de aluminios con RPT e triple acristalamiento.
  • Instalación de paneis solares fotovoltaicos no aparcadoiro e a elección de equipos de baixo consumo e iluminación LED.
0
0
0
s2sdefault