Concello de Sanxenxo - A XIII DO SEPELO, EN PORTONOVO, MARCA ESTE SÁBADO O COMEZO DA COMPETICIÓN DA COPA MÖRLING DE DORNAS A VELA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O sábado 18 de xuño celebrarase en Portonovo (Sanxenxo) a XIII Regata do Sepelo, o primeiro dos circuítos incluídos na Copa Mörling, o campionato galego de dornas a vela co que se rende homenaxe ao antropólogo e etnólogo sueco Staffan Mörling, un dos máis importantes estudosos do patrimonio marítimo de Galicia.

A Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo é a encargada de organizar este evento. A concelleira de Cultura de Sanxenxo, Paz Lago, aproveitou a presentación desta regata para destacar “a loita constante desta asociación para que Portonovo teña un lugar propio no mapa” nestas competicións que mesturan cultura e deporte. “Os Amigos da Dorna de Portonovo ensináronnos que tradición e mar van da mar”, afirma.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, falou tamén do compromiso do Concello polos deportes náuticos e destacou a “espectacularidade visual” dunha proba como a Regata do Sepelo. “Sanxenxo é xa a día de hoxe un referente para os deportes de vela”, apuntou.

Alejandro Piñeiro, vicepresidente da asociación organizadora, animou á cidadanía a participar, por mar ou por terra, nesta proba. A Regata do Sepelo sairá desde o peirao de Portonovo ás 16 horas. As dornas farán un primeiro largo dirección á baliza situada nas proximidades de Punta Cabicastro, para continuar, navegación a través, até a boia que estará colocada no medio da ría. Por último, as embarcacións terán que volver ao peirao. Este percorrido deberán facelo dúas veces navegando, aproximadamente, 6 millas. A organización estima que o número de dornas participantes se achegue ás 30.

A Copa Mörling está organizada por Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. O seu secretario, Daniel García Níñez, destacou que o campionato arranque o sábado “a escasas millas de Ons, lugar emblemático para o homenaxeado Staffan Mörling”, onde viviu durante moitos anos. García Níñez quixo agradecer a implicación nesta copa de todos os concellos nos que se levarán a cabo regatas (Sanxenxo, Cambados, Poio, O Grove e A Illa de Arousa), así como da Deputación de Pontevedra e da Consellería do Mar.

As persoas interesadas en participar nesta regata, poderán inscribirse, até unha hora antes, a través de dúas formas. O propio día da regata, no stand que a organización habilitará no peirao de Portonovo, ou a través desta ligazón https://bit.ly/3NR2wp4.

0
0
0
s2sdefault