Concello de Sanxenxo - NAUTA SANXENXO COMEZA OS PRIMEIROS ACHEGUES DE AREA NA PRAIA DE LAVAPANOS TRAS CONCLUÍR NA CARABUXEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa municipal Nauta Sanxenxo deu inicio esta mesma mañá aos traballos de rexeneración da praia urbana de Lavapanos. A actuación realízase despois de catro mareas e de dous días de traballo na Carabuxeira na que, con algo máis de 2.000 metros cúbicos de árido, logrouse superar o achegue de area en praia respecto dos traballos do ano pasado. A empresa encargada da rexeneración, Marcor Xove, asegura que a perda de area foi "mínima" e que se vai ir recolocando de forma natural en determinadas zonas da praia dando un aspecto de falsa perda. O areal xa está aberto ao público.

Os dumpers e as escavadoras desprazáronse esta mañá, cando a marea baixa o permitiu, a Lavapanos para iniciar os achegues de area que esta praia recibe por primeira vez. Os labores estenderanse ata o venres porque a marea só permite traballar en tres franxas horarias. A empresa encargada da rexeneración prevé repor na zona de praia ao redor de 3.000 metros cúbicos. Durante a realización destes labores, a praia manterase pechada ao público por motivos de seguridade.

Cabe destacar que na obra disponse de barreiras e materiais absorbentes para facer fronte a verteduras accidentais. Ademais, téñense previstas as evacuacións de urxencia dada a maquinaria empregada e non se levan a cabo nas praias as accións de abastecemento de combustible nin de mantemento da maquinaria.

O alcalde, Telmo Martín, e o enxeñeiro encargado dos traballos, Fernando López, acudiron esta mañá á supervisión da actuación en Lavapanos. A area está a depositarse na parte máis alta da praia para despois ser estendida polas escavadoras creando o perfil da praia que logo as mareas moldearán de forma natural.

0
0
0
s2sdefault