Concello de Sanxenxo - UNHA SOA EMPRESA OPTA A EXECUTAR A REFORMA DO PAVILLÓN DE BALTAR POR MÁIS DE 1 MILLÓN DE EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa Construcións Castro Figueiro SLU comprométese a executar a obra antes do 30 de abril de 2023

A obra de reforma do pavillón de Baltar recibiu unha única oferta. A empresa, Construcións Castro Figueiro SLU, deberá presentar nos próximos días a documentación requirida para a adxudicación definitiva. A licitadora comprométese a executar a obra antes do 30 de abril de 2023 e amplía o prazo de garantía de 1 a 4 anos. A actuación suporá un investimento de 1.071.431 euros dos que a Deputación de Pontevedra achegará 803.573 e o Concello 267.857 grazas á firma do convenio do Plan ReacPon.

A obra garantirá a seguridade e o confort durante a práctica deportiva, mellorando o illamento e os materiais, tanto interiores como exteriores, do recinto. A actuación inclúe a colocación dunha nova pista de madeira sobre dobre taboleiro contrachapado e apoiada sobre elementos de caucho.

Este sistema permite xerar unha cámara de aire entre o soporte e o pavimento de madeira, mellorando o seu comportamento respecto de posibles condensacións do chan en contacto co terreo. Contémplase ademais a instalación de ventilación con renovación de aire do recinto en todos os espazos, mediante sistemas enerxéticos eficientes.

O proxecto contempla a mellora da accesibilidade das instalacións coa ampliación do corredor de distribución dos vestiarios, a colocación dun ascensor e dun novo tramo de escaleira complementario de apoio á evacuación do recinto en caso de emerxencia. A reforma prevé tamén a dotación dun espazo para conserxería, instalando un mostrador na zona de acceso.

Co obxectivo de mellorar o illamento térmico do pavillón, así como a iluminación natural interior prevese a colocación dunha sobrecuberta formada por unha chapa de aceiro prelacada con illamento térmico de la mineral inferior. Na fachada abriranse novos ocos, que permitirán dotar ao recinto tanto de iluminación como ventilación natural, facendo máis agradable o uso da instalación e mellorando as condicións lumínicas e de ventilación. En canto ao equipamento deportivo inclúese a instalación dun xogo de canastras colgadas motorizadas, con taboleiro de metacrilato electrónico e aros basculantes.

Finalmente, o proxecto presta especial interese á acústica do espazo con novos elementos construtivos que teñen unhas características acústicas adecuadas para reducir a transmisión do ruído aéreo, do ruído de impactos e do ruído e vibracións das instalacións propias do edificio, así como para limitar o ruído reverberante.

0
0
0
s2sdefault