Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SOLICITA A CESIÓN DE USO DAS ACTUAIS DEPENDENCIAS DE CAPITANÍA MARÍTIMA E O INSTITUTO SOCIAL DA MARIÑA PARA DESTINALAS A USO SOCIAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O obxectivo é unificar no mesmo espazo aos clubs de xubilados de Portonovo e de Sanxenxo, favorecendo a interacción social e a colaboración de actividades

O Concello de Sanxenxo remitiu este venres unha solicitude ao Ministerio de Inclusión Social, Seguridade Social e Migración e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social para a cesión de espazo das actuais dependencias destinadas a Capitanía Marítima e Instituto Social de Mariña. Un edificio de dúas plantas, de 343 metros cadrados, que comunica coa actual sede do Club de Xubilados de Portonovo, de 375 metros cadrados.

O Concello de Sanxenxo en sesión plenaria celebrada o 1 de marzo de 1985 acordou a cesión gratuíta ao Instituto Social da Mariña dun terreo de 1.510 m2 para a construción da Casa do Mar de Portonovo que naquel momento correspondíase coa casa do médico, e que, na actualidade, alberga as dependencias dos servizos sociais municipais. Posteriormente, o Instituto Social da Mariña cedeu ao Concello de Sanxenxo o uso dunha parte das instalacións da Casa do Mar, co fin de destinalo ao club de xubilados de Portonovo.

Neste marco de colaboración e co obxectivo de unificar no mesmo espazo ao Club de Xubilados de Portonovo e ao Club de Xubilados de Sanxenxo para fomentar a interacción social e a colaboración entre ambos os colectivos, o Concello solicita que se amplíe esta cesión de espazo. Como contraprestación, o concello poría a disposición do Instituto Social da Mariña e de Capitanía Marítima unhas instalacións para a recolocación das súas dependencias, comprometéndose a realizar as obras que fosen precisas para o seu acondicionamento.

A raíz do estudo e análise da poboación desenvolvidos polos servizos sociais municipais, considérase como unha das prioridades asistenciais do Concello de Sanxenxo a prestación de distintos servizos ás persoas maiores, tanto desde unha vertente asistencial como desde unha vertente preventiva. O Concello vén realizando innumerables actividades que tratan de mellorar a autonomía, socialización e saúde das persoas maiores, co obxectivo de promocionar a súa autonomía persoal e facilitar o desenvolvemento da súa vida diaria.

0
0
0
s2sdefault