Concello de Sanxenxo - A XXII MILLA VILA DE SANXENXO DESTINARÁ OS FONDOS RECADADOS Á ASOCIACIÓN NEEN@S
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A proba terá lugar o próximo 28 de agosto no Paseo de Silgar

A Milla Vila de Sanxenxo volverá ter na súa vixésimo segunda edición un fin solidario. Os fondos recadados coa inscrición entregaranse á Asociación Neen@s de Sanxenxo que presta atención a familias con nenos que teñen necesidades especiais de apoio educativo. O concelleiro de Deportes, Xuventude e Servizos Sociais, Daniel Arosa, presentou a proba deportiva acompañado de mozos voluntarios do programa municipal de Xuventude que participarán na organización da cita.

A proba terá lugar o 28 de agosto no Paseo de Silgar a partir das 12 horas en función das categorías adaptadas ás idades dos participantes. A distancia a percorrer irá desde os 200 metros ata a milla (1.609 metros). Os corredores deberán formalizar a súa inscrición na web www.championchipnorte.com antes das 23:59 horas do xoves 25 de agosto. Para o día da proba quedará unha pequena reserva, pero recoméndase que se realice a través da web para garantir a participación.

Na categoría Elite Concello de Sanxenxo repartiranse 1.950 euros entre o primeiros cinco clasificados da categoría masculina e feminina. O primeiro premio estará dotado con 500 euros, o segundo con 250, o terceiro con 125, o cuarto con 75 euros e o quinto con 25 euros.

"Trátase dunha proba moi consolidada xa non noso municipio coa que se pecha agosto e que ademais ten un fin solidario. Animo a participar a todo o mundo e a colaborar cunha asociación que está facendo unha gran labor", dixo Arosa.

O donativo que se debe realizar ao formalizar a inscrición vai de 1, 3, 5, 10, 15, 20, 25, 30, 40 ou 50 euros.

0
0
0
s2sdefault