Concello de Sanxenxo - SANXENXO NA HISTORIA REPASA AS ANTIGAS CASAS E FAMILIAS DO PASEO DE SILGAR E A FIGURA DO ALCALDE RAMÓN ORGE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Rafael Fontoira presentou o seu libro "Un Camiño de lenda" e Marcelino Agís, "Catro mulleres de palabra" no segundo día das xornadas

"Mirando ao pasado" foi o título da mesa redonda da segunda xornada de Sanxenxo na Historia celebrada onte no Pazo de Emilia Pardo Bazán. O presidente de Aelos, Marcelino Agís, e o arquitecto e historiador, Rafael Fontoira, foron os encargados da apertura coa presentación de dous libros: "Catro mulleres de palabra", unha obra coordinada por Agís, na que se achegan as figuras de Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Sofía Casanova e Emilia Pardo Bazán "como literatas, pero tamén como pensadoras, como unhas adiantadas ao seu tempo na defensa da muller e de temas sociais". Na novela "Camiño de lenda" de Rafael Fontoira conta a historia dun peregrino que percorre o camiño francés a Santiago e vai narrando lendas dos lugares polos que pasa.

Na mesa redonda sentaron Isidoro Sabell Salgués para falar de "As antigas casas e familias da primeira liña de Silgar" e Victoriano Otero con "Realización do alcalde de Sanxenxo, Ramón Orge Pérez". O coloquio estivo moderado pola directiva de Aelos, Carmen Outón Rea. Sabell debullou unha por unha a historia das edificacións de Silgar nos anos 50 entre elas a casa na que viviu Emilia Pardo Bazán mentres remodelaban o Pazo, a emblemática leira da Casa Xusto ou a do almirante Ramón González Castro "que en 1947 levantou a veda do camarón en Galicia". Sabell tamén lembrou as típicas casas mariñeiras cos tellados a dúas augas de Pepito Pérez, Pepito "O Chumbo" ou José "o zapateiro" e agradeceu o labor do fotógrafo Gerardo Torres, "testemuño gráfico da historia de Sanxenxo e o primeiro realizador de cartóns postais de Sanxenxo". Na súa exposición falou tamén do primeiro restaurante do municipio, Marycielo, e do primeiro hotel, Hotel Praia.
Victoriano Otero que recibirá hoxe o premio Sanxenxo na Historia falou da importancia dos libros de festas do municipio e da figura do alcalde con máis anos ata agora no cargo, Ramón Orge Pérez. "Ata 1981 non existía ningún libro da historia de Sanxenxo, ese ano publícase Sanxenxo, ensaio histórico, unha obra reducida, polo Museo de Pontevedra", explicou Otero. Un ano despois, 1982, publícase o primeiro libro de festas glosando a figura de Ramón Orge Pérez. "Orge ostentou o cargo de alcalde durante 17 anos e en tres etapas diferentes. De 1893 a 1905, de 1909 a 1914, nomeado polo ministro da gobernación pola Semana Tráxica de Barcelona, e un mes en 1924 coincidindo co Desastre Annual. "Foi un home profundamente relixioso que vendeu unha leira en Nanín e co diñeiro comprou a imaxe do Santo Sepulcro, unha imaxe que se atopa no templo antigo de Sanxenxo, e que ocupa un lugar de excepción na Semana Santa", explicou.

0
0
0
s2sdefault