Concello de Sanxenxo - SANXENXO ABRIRÁ A PISCINA MUNICIPAL O VINDEIRO LUNS TRAS REDUCIR 2.160 M3 O CONSUMO DE AUGA DIARIA DEBIDO Á REDUCIÓN DA POBOACIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


O Concello manterá o resto de restricións incluídas no bando municipal

Sanxenxo reduciu o seu consumo de auga na última semana un total de 2.160 metros cúbicos diarios. As cifras foron dadas a coñecer hoxe por Augas de Galicia na reunión semanal de seguimento pola situación de prealerta por seca na que están representados os concellos que se abastecen do Lérez. A redución no consumo coincide coa época de retorno de moitos dos visitantes que elixen Sanxenxo para pasar as súas vacacións e a previsión é que as cifras continúen descendendo ao longo do mes de setembro axudadas polas choivas.

Ante esta situación, o Concello de Sanxenxo reabrirá a piscina municipal a partir do próximo luns como primeira medida de resposta a esta mellora, pero mantendo o resto de restricións incluídas no Bando e que seguen sendo necesarias na situación de prealerta por seca na que se continúa. Desde un primeiro momento, Sanxenxo tomou medidas para reducir o consumo de auga e garantir o abastecemento da poboación. De feito, foi o único concello que acordou o peche da piscina municipal, cuxo consumo diario ascende a 20 m3, consciente do incremento de poboación durante xullo e agosto.

O Concello considera que é necesario que os veciños poidan facer uso das instalacións municipais mantendo un uso racional da auga despois dun mes de peche e agradece a comprensión e colaboración dos usuarios durante este tempo. "Seguimos en alerta por seca polo que pido a colaboración e un uso responsable da auga como fixemos ata agora", explica o alcalde, Telmo Martín.

Sanxenxo mantén a limitación de baldeos de rúas e prazas aos realizados co depósito de Fontoira, o peche de lavapés, a restrición de lavado de coches e a rega de xardíns con auga da traída municipal. Medidas incluídas no bando en vigor.

0
0
0
s2sdefault