Concello de Sanxenxo - A CELEBRACIÓN DA FEIRA DA CEBOLA TRASLADARASE AO PARKING DE NAUTA ANTE A PREVISIÓN DE CHOIVA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O estacionamento público permanecerá pechado durante a mañá para garantir o desenvolvemento do evento con seguridade

A celebración da XL Feira da Cebola trasladarase ao parking de Nauta Sanxenxo ante a previsión de choiva para o vindeiro domingo. O Concello de Sanxenxo leva días traballando nun plan B que permita manter a venda das cebolas, o concurso e a entrega de premios nun mesmo espazo cuberto. Para garantir o desenvolvemento do evento con seguridade, o aparcadoiro permanecerá pechado ao público durante a mañá e só será posible o tránsito peonil.

Os postos de venda estenderanse pola entrada do parking e o corredor da esquerda conformando un circuíto que concluirá no escenario onde se realizará a entrega de premios do concurso ás cebolas máis grandes, as ristras máis longas e as composicións artísticas máis orixinais. Un xurado formado por un enxeñeiro agrónomo, un técnico de Urbanismo, un membro de Entretendas e un membro de CETS decidirán como se reparten os 1.400 euros dos premios.

Durante o acto faranse entrega das Cebolas de Ouro 2022 que este ano recaerán no Grupo Froiz en recoñecemento ao seu fundador Magín Froiz e en Pilar Leiro, veciña de Padriñán. Ambos pertencen ao sector da alimentación e son recoñecidos tanto pola súa calidade humana como profesional.
Froiz abriu o seu primeiro supermercado en Sanxenxo en 1992, hoxe conta con 3 supermercados e un Cash&Carry en Vilalonga. Un grupo que xera 100 postos de traballo directos e que colabora con distintas iniciativas do municipio.
O ultramarinos de Pilar Leiro, situado en Padriñán, nutriu e fiou desde os anos 50 a moitas familias de Sanxenxo.

En canto ao resto da programación, a tirada de fogos artificiais, prevista para o broche de ouro das festas patronais, suspéndese tamén pola previsión de mal tempo, do mesmo xeito que a verbena. Os actos litúrxicos poderían sufrir tamén modificacións e traslados.

0
0
0
s2sdefault