Concello de Sanxenxo - A ASOCIACIÓN NEEN@S DESTINARÁ OS 796 EUROS RECADADOS NA MILLA DE SANXENXO A BOLSAS DE APOIO EDUCATIVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, entregou o cheque á presidenta do colectivo, Montserrat Fernández Prado

O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, entregou esta mañá á presidenta da Asociación Neen@s o cheque de 796 euros recadados na Milla Vila de Sanxenxo. Trátase do segundo ano consecutivo en que a proba deportiva ten un fin solidario destinando a recadación das inscricións a unha causa social. "Cremos que é unha forma de axudar e dar visibilidade ao traballo que están a facer dende este colectivo. Na proba dunha mañá recaudáronse case 800 euros a través de donativos voluntarios e poder achegar un gran de area", explicou Arosa. Ademais, cos petos solidarias colocados o día do evento deportivo conseguíronse 131,58 euros máis.

A recadación da milla destinarase a bolsas de apoio educativo que puxeron en marcha desde a Asociación Neen@s co obxectivo de "chegar onde non chegan as axudas do Ministerio de Educación para necesidades específicas de apoio educativo". Fernández Prado explica que se están becando entre 3 e 4 nenos ao ano e, ademais, asinan convenios con distintos gabinetes para obter descontos nas terapias, empresas de actividades, ópticas... Unha rede de axuda e colaboración que tamén lles leva a estreitar vínculos con outras asociacións como Adicam e ANPAs.

A Asociación Neen@s fundouse en 2015 como resposta ás necesidades e inquietudes dun grupo de familias que, por aquel entón, estaban a experimentar de primeira man as carencias existentes na sociedade para dar cun diagnóstico certeiro e a correspondente atención que precisaban os seus fillos, todos pertencentes, dunha ou outra maneira, ao colectivo de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Na actualidade contan con 230 familias socias e colaboran con máis de 100 familias non só de Sanxenxo senón de distintos puntos da comarca como Cambados, O Grove ou Ribadumia. "Non todos os socios que temos e que nos axudan teñen na súa contorna unha persoa con necesidades educativas específicas", aclara Fernández Prado.

As persoas que queiran colaborar coa Asociación Neen@s só deben cubrir unha folla de inscrición e pagar unha cota anual de 12 euros co que pasaría a ser socio colaborador.

0
0
0
s2sdefault