Concello de Sanxenxo - O INICIO DAS OBRAS DE REFORMA DA PRAZA PÚBLICA DE VILALONGA OBRIGA A TRASLADAR O MERCADILLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As árbores e as pezas de xogo do parque infantil que estaban en bo estado recolocáronse na zona verde do Revel

As obras de reforma da Praza Pública de Vilalonga darán comezo este luns o que obriga a trasladar de forma temporal o mercadillo. Os vendedores montarán os seus postos a partir deste martes na parcela habilitada este mesmo verán como aparcadoiro a uns metros da praza, detrás da antiga farmacia. Alí permanecerán ata que conclúan as obras.

Nos últimos días procedeuse á retirada das árbores e das pezas de xogo do parque infantil que estaban en bo estado para recolocalas na zona do Revel potenciando o espazo verde e creando unha pequena área de xogo na parcela entre o colexio do Cruceiro e o centro de saúde. En este mesmo espazo se replantaron as árbores que se extraeron da rotonda de entrada a Sanxenxo onde se está actuando para mellorar a seguridade e embelecer o espazo.

En canto ao cruceiro que se atopaba na praza, unha empresa especializada encargarase de desmontalo para recolocalo nun espazo próximo á igrexa, lugar elixido como o máis idóneo tras conversacións mantidas coa asociación de veciños de Vilalonga.

O proxecto asinado pola arquitecta Irene Campo executarase por 909.000 euros e suporá a definitiva humanización da contorna, eliminando o tráfico rodado, aínda que mantendo o acceso de servizo ao campo de fútbol. O espazo converterase nunha zona versátil con beirarrúas amplas no lado da praza e no oposto, e a velocidade limitarase a 20 km/h no tramo da PO-505.

Para potenciar a nova zona infantil prevista, suprimiranse as barreiras físicas existentes, así como a bancada perimetral, que dificultan o acceso á praza.
A zona central da bancada potenciarase coa construción dunha pérgola de estrutura de aceiro galvanizado, cuxos alicerces seguirán a liña dos troncos de bidueiro, co obxectivo de habilitar a realización de eventos culturais e deportivos con sombra durante a tempada estival.

Con estas melloras, a praza incrementará o seu espazo útil, que pasará dos 4.011 metros cadrados actuais aos 5.280 metros cadrados, que se gañarán nas inmediacións da PO-505 e do campo de fútbol.

Tanto o palco como o bar serán reformados dentro do mesmo proxecto, co que se conseguirá que, no caso do bar, pase a dar servizo a toda a praza, máis aló do campo de fútbol, que atende actualmente de forma exclusiva. No caso do campo, prevese tamén a mellora dos seus accesos, ademais da plantación de bidueiros que sirvan de barreira entre a estrada e a praza. Desta forma, tras a obra, a praza incluirá tres necesidades: zona infantil, unha zona para realizar pequenos eventos e outra para eventos maiores.

O prazo de execución da actuación é de 5 meses.

0
0
0
s2sdefault