Concello de Sanxenxo - A EMPRESA ESPINA & DELFÍN LOGRA A MAIOR PUNTUACIÓN NO INFORME TÉCNICO DO CONTRATO DA AUGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello prevé que o inicio da execución do novo contrato, por 25 anos, dea comezo o 1 de xaneiro

Espina & Delfín foi a empresa que logrou unha maior puntuación no concurso municipal de Sanxenxo para a xestión do servizo de auga e rede de sumidoiros. A actual concesionaria logrou a maior puntuación ao asumir todos os investimentos optativos referentes á ampliación de rede, por valor de 3.820.000 euros e ofrecer un canon anual do 28% do importe facturado durante o exercicio. Unha porcentaxe que case triplica o recolleito nos pregos e que suporía un ingreso inicial para as arcas municipais de case 800.000 euros ao ano, cantidade que se irá incrementando en función do número de usuarios.


Nestes momentos, está a revisarse a documentación achegada polas empresas e prevese que a proposta de adxudicación se leve a Pleno o próximo mes para a aprobación do contrato e que a execución do novo contrato dea comezo o 1 de xaneiro.
O municipio ten un total de 16.900 vivendas das que 726 (4,3%) carecen de saneamento ou auga. A empresa concesionaria terá que asumir a realización de 80 actuacións valoradas en 11.963.798 euros. O contrato contempla a ampliación da rede de saneamento e auga, con 59 actuacións para dotar destes servizos ás 726 vivendas do rural que carecen de saneamento ou auga; unha segunda que contempla a renovación da rede principal existente con 14 actuacións para substituír tramos vellos e ampliar a capacidade das tubaxes; e unha terceira, con novas infraestruturas de abastecemento de auga con 7 actuacións entre as que destaca a construción dun novo depósito de auga.

A empresa concesionaria terá que completar as 3 fases nos 36 primeiros meses desde o inicio da concesión. A prioritaria é a fase de ampliación da rede de saneamento e auga do rural, por iso o calendario contempla 29 actuacións nos 6 primeiros meses de 2023 e os 30 tramos restantes da primeira fase no segundo semestre do ano.

Nos primeiros seis meses actuarase en Noalla (Tombelo, Pontes, Quintáns, Aios costeira), Vilalonga (Iglesario, Altamira e Iglesario Lomba), Adina (Poleiros, Rial e Punta Montalvo), Dorrón (Barreiro, Rexenxo e praia de Agra), Nantes (Cancela Pedroño, Pazos e Casal), Bordóns (Chandevila e Sear) e Padriñán (Palacios e Laxe).

Estas actuacións xunto ás previstas no convenio con Acuaes, mellorarán a depuradora e os bombeos de augas residuais, e converterán a Sanxenxo nun referente no tratamento e depuración das súas augas. O goberno considera que coidar das dúas rías que bañan Sanxenxo "é o mellor investimento que podemos facer para seguir sendo un destino turístico de éxito, un destino sustentable". O ingreso anual en concepto de canon que recibirá Sanxenxo tras a firma do contrato destinarase á mellora e eficiencia do servizo da auga no municipio.

0
0
0
s2sdefault