Concello de Sanxenxo - NAUTA SANXENXO LOGRA CONTER A SÚA PEGADA DE CARBONO E COMPENSA AS SÚAS EMISIÓNS CON PROXECTOS FORESTAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A súa aposta polo aforro enerxético, a mobilidade sustentable e os distintivos de calidade está a dar bos resultados

Por terceiro ano consecutivo, Nauta Sanxenxo calculou, verificando e compensado a súa pegada de carbono. A sociedade municipal logrou dentro da súa política ambiental aplicada nos últimos anos conter as súas emisións de CO2 en 19,5 toneladas en 2022, unha cifra lixeiramente superior á de 2021, 19 toneladas, coincidindo coas restricións da actividade provocadas pola pandemia e moi inferior á de 2020, con 184 toneladas.

A aposta polo aforro enerxético das instalacións, o uso de bicicletas nos desprazamentos na contorna portuaria e os requisitos que esixen tres distintivos de calidade como Bandeira Azul, Q de Calidade e Galicia Calidade está a dar moi bos resultados.

A empresa Certificadora Galega do Noroeste que opera a nivel mundial, especializada en sustentabilidade e pegada de carbono, foi a entidade encargada da verificación de emisións e de tramitar a compensación de pegada de carbono. Nauta Sanxenxo quixo dar un paso máis e, tras o cálculo da súa pegada nos alcances 1, 2 e 3 (emisións directas e indirectas), compensou o 100% do seu CO2 xerado, e conseguiu a súa Pegada Cero Emisións. Isto significa que as emisións xeradas son iguais ás evitadas coas accións de compensación a través de ICR (International Carbon Registry)-Sector Industrias Renovables de orixe España con proxectos forestais.

O obxectivo de Nauta Sanxenxo é continuar reducindo os gases efecto invernadoiro emitidos directa ou indirectamente en 2023. Sanxenxo, destino turístico líder no noroeste de España, seguirá mantendo o seu compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade da actividade económica.

0
0
0
s2sdefault