Concello de Sanxenxo - NAUTA SANXENXO DÁ LUZ VERDE AO EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN DA PRIMEIRA FASE DE BATEA EN TERRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A actuación proxéctase nunha superficie de 5.259 metros cadrados e o seu orzamento ascende a 1,8 millóns de euros

O consello de administración de Nauta Sanxenxo deu luz verde esta semana á incoación do expediente de contratación da primeira fase do proxecto Batea en Terra na que se inclúe un noiro axardinado que embelecerá o espazo e mellorará a accesibilidade entre a Praza do Mar e a Praza dos Barcos.

Un auténtico pulmón verde en pleno centro urbano de Sanxenxo no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de 8 variedades diferentes e un total de 10.289 plantas. As especies serán autóctonas, de diferente porte e con distintos estados de floración que permitan ter unha variación cromática ao longo do ano. Ademais, terán unha alta resistencia aos ventos e a salinidade e baixo consumo de auga. A actuación, que se financiará a través de Nauta Sanxenxo, proxéctase nunha superficie de 5.259 metros cadrados e o seu orzamento ascende a 1,8 millóns de euros.

A pavimentación utilizada para o tramo peonil do xardín será realizada con laxas de granito de ancho fixo e longo variable con acabado aserrado, tentando buscar unha relación co próximo Paseo dos Barcos.

En canto ao acceso ao porto pesqueiro, mantense o tránsito rodado, pero con carácter restrinxido para permitir o seu funcionamento. O aparcadoiro mantén as súas prazas de aparcadoiro e non se intervén en ningún local comercial, axustando para iso a pendente do xardín. A intervención desta fase contempla tamén a rehabilitación e mellora do pavimento na Praza dos Barcos e a súa integración dentro do proxecto, a redistribución do mobiliario urbano existente e a simplificación e unificación de todos os elementos de señalética.
O proxecto divídese en 3 fases. A segunda fase suporá a reforma do edificio de Capitanía Marítima e a terceira, a construción dun umbráculo, feito en madeira galega. O recinto terá teito, moi luminoso, con paredes acristaladas e suxeito por catro grandes alicerces.

0
0
0
s2sdefault