Concello de Sanxenxo - SANXENXO PROMOCIÓNASE COMO DESTINO TURÍSTICO NA WORLD TRAVEL MARKET 2022 DE LONDRES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A coordinadora de Turismo de Sanxenxo, Romina Fernández, asistirá a unha mesa redonda con operadores de turismo británicos

Sanxenxo estará presente nunha nova edición da World Travel Market 2022, que se celebra desde hoxe e ata o mércores en Londres, promocionándose como principal destino turístico do noroeste español. Á cita acode a coordinadora da empresa municipal Turismo de Sanxenxo, Romina Fernádez, xunto ao presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, membros do Clúster de Turismo de Galicia e empresas locais de Sanxenxo representativas do sector do aloxamento e da touroperación.

Nesta ocasión, Turismo de Sanxenxo volve participar dentro da caseta de Turismo de Galicia con material promocional propio mantendo na feira británica citas con empresas e operadores co fin de promocionar Sanxenxo como destino turístico, facendo especial fincapé nas potencialidades do municipio fóra da tempada alta, priorizando para o mercado británico a Ruta do Mar de Arousa ao seu paso por Sanxenxo, os sete Sendeiros Azuis certificados por Adeac e a Ruta do Pai Sarmiento.

Ademais, Turismo de Sanxenxo asistirá mañá á mesa redonda organizada por Turespaña na que turoperadores británicos como Tui, Jet2 e Easyjet Holidays exporán aos profesionais turísticos españois os cambios que se están producindo no Reino Unido en relación coa sustentabilidade e os novos requisitos neste ámbito.

Esta feira de turismo é unha das máis importantes do mundo xunto á ITB Berlín e Fitur Madrid, onde se toma o pulso da situación do turismo internacional e onde se posibilita o contacto cos principais axentes de turismo británicos e doutros países emisores europeos. Sanxenxo asiste desde 2015 a estas citas internacionais apostando por incrementar o número de pernoitas internacionais fóra da tempada alta, algo que xa vén constatando segundo os datos ofrecidos polo INE.

A dirección da World Travel Market 2022 prevé a asistencia de máis de 60.000 profesionais do sector turístico internacional desta edición. Arabia Saudita, o auténtico fogar de Arabia, foi anunciada como Premier Partner de World Travel Market London 2022 por segundo ano consecutivo.

España segue destacando como destino preferido para os británicos e proba diso é que obtén puntuacións moi altas en consideración, intención de viaxe e saúde global da marca, situándose en todos mesmo por encima dos obtidos en 2019, antes da pandemia, segundo datos de Turespaña.

0
0
0
s2sdefault