Concello de Sanxenxo - O CIM DE SANXENXO PUBLICA UN CONTO INFANTIL "VIOLETA E MARIÑO" NA CONMEMORACIÓN DO 25-N
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O libro no que se aborda a violencia de xénero e as distintas formas de malos tratos repartirase nos colexios, bibliotecas e centros de saúde


Sanxenxo dá un paso máis no tratamento da violencia de xénero en idades temperás como forma de prevención coa publicación do conto infantil, "Violeta e Mariño", escrito pola directora do CIM, Diana Názara; a asesora xurídica do CIM, Beatriz Carrera, e a ilustradora, Yolanda Martínez.
O conto que centra a programación da conmemoración do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero en Sanxenxo presentarase o próximo 25 de novembro no Pazo de Emilia Pardo Bazán, ás 20 horas. A fundadora e produtora de "Vaca Films", Emma Lustres, amadriñará o acto no que Najla Shami encargarase de pór a música e Moito Morro Teatro realizará unha performance interpretativa. A actividade está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.


Os protagonistas do conto son Violeta e Mariño, dous irmáns que sofren na casa a violencia de xénero contra a súa nai. A historia pensada para nenos e nenas desde Infantil ata Primaria trata o problema e como actuar, a través da metáfora dunha bolboreta, facendo chegar a mensaxe, pero fuxindo da crueza do golpe e o insulto. A moralexa do conto é "se queremos cambiar o mundo todo o que necesitamos é respecto, liberdade e empatía". 

Durante a presentación realizarase unha proxección do conto e entregarase aos asistentes material promocional cun código QR desde o que poderán descargarse o conto que tamén se colgará na páxina web municipal. Ademais, colocarase unha placa co código QR nas distintas parroquias para achegar o conto aos distintos puntos do municipio. Ademais, realizaranse contacontos polos centros educativos con marionetas con "Violeta e Mariño".

O CIM realizará dentro da programación do 25-N co alumnado do Taller da Memoria dúas xornadas formativas en igualdade e prevención de violencia de xénero. O 29, en Portonovo e o 30, en Noalla.

0
0
0
s2sdefault