Concello de Sanxenxo - O CONCELLO CONCLÚE A SEGUNDA FASE DA PISTA POLIDEPORTIVA DE NANTES CO PECHE EXTERIOR E OS VESTIARIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


A actuación roldou os 300.000 euros e trátase dunha obra moi demandada pola comunidade educativa

O Concello de Sanxenxo continúa coa mellora dos seus equipamentos deportivos. O alcalde, Telmo Martín, visitou esta mañá o final da obra da segunda fase da pista polideportiva de Nantes co peche exterior e os vestiarios. Fíxoo acompañado de concelleiros do equipo de goberno, a dirección do centro, a ANPA e a comunidade de montes. A actuación, moi demandada pola comunidade educativa, sufragouse con fondos municipais e roldou os 300.000 euros. Os escolares aproveitaron o recreo para coñecer as instalacións e gozar da pista xogando ao fútbol e ao baloncesto.

A pista será utilizada en horario escolar polo centro educativo e fóra dese horario polo Club Balonmán Sanxenxo, A. X. Saraiba do Mar e C.B. Baltar, así como para actividades extraescolares da ANPA. "Estamos nunha das zonas do municipio de maior equipamento deportivo que non só se vai ver mellorada por esta pista senón tamén pola obra de humanización do viario de acceso e polo que transitan moitos nenos e maiores", asegurou o alcalde. Na mesma liña, agradeceu á comunidade de montes a cesión da parcela para poder levar a cabo en 2019 a primeira fase e que posibilitou que agora se culminase cunhas modernas instalacións deportivas. "Agora toca gozar desta pista polideportiva pechada coa que agardamos mellorar a confortabilidade na práctica do deporte independentemente da climatoloxía", sinalou.

Tanto a directora do centro, Elena Ponche, como a presidenta da ANPA, Sandra Viñas, e o presidente da comunidade de montes, Manuel Otero Pombo, destacaron a colaboración e o resultado das instalacións que desde hoxe poderán ser xa utilizadas tras a entrega de chaves do alcalde á directora.

O cerramento exterior da edificación realizouse a base de paneis prefabricados de formigón macizos, acabado en cor gris liso de molde. En canto á carpintaría exterior é de aluminio anodizado en cor negra con 15 xanelas (cinco de corredera) e un total de 14 portas para os baños, as entradas e o almacén. No interior construíuse un módulo como servizo de aseos.

A primeira fase, executada en 2019, consistiu na construción dunha pista e unha cuberta financiouse a cargo do Plan Concellos, cun investimento de 253.131 euros. Cabe lembrar que as obras de reforma integral do pavillón de Baltar avanzan e prevese que estean listas no segundo trimestre do próximo ano.

0
0
0
s2sdefault