Concello de Sanxenxo - SANXENXO COMEZA A PRÓXIMA SEMANA COAS PROBAS PILOTO DE PUNTOS WIFI, CÁLCULO DE DISPOSITIVOS E CÁMARAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


A rotonda de Canelas, o cruce do mercado de Sanxenxo, a zona da piscina municipal e o campo de fútbol de Baltar son os puntos elixidos para a posta en marcha

A empresa Vodafone adxudicataria da posta en marcha das iniciativas recollidas no proxecto Sanxenxo e O Grove: polos turísticos intelixentes comezará a próxima semana coa instalación de dispositivos en tres puntos do municipio para comprobar o seu funcionamento. A nova rotonda de Canelas, o cruzamento do mercado de Sanxenxo, a contorna do campo de fútbol de Baltar e a zona da piscina municipal marcarán o inicio das probas piloto de puntos wifi, cálculo de dispositivos e cámaras de tracking e de monitorización.

Sanxenxo e O Grove presentaron un proxecto conxunto a unha liña de axudas convocada por Red.es, entidade dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para converterse en destinos intelixentes, outorgando prioridade ás novas tecnoloxías e os soportes dixitais. O obxectivo é ser máis competitivos, ofrecer mellor calidade de vida aos seus residentes e mellorar a experiencia turística dos visitantes. En definitiva, trátase de lograr un uso das novas tecnoloxías que garanta a eficacia do destino. O orzamento desta actuación ascende a 1.489.996 euros, dos que resultaron subvencionables 893.997, que representa un 60% do proxecto, correndo a cargo de Sanxenxo e O Grove o 40% restante.


Entre as accións que levarán a cabo en Sanxenxo destacan o reforzo de seguridade e control dos espazos públicos a través dun sistema de cálculo de terminais móbiles, un sistema de videovixilancia en estradas e monitorización de praias. Unhas iniciativas que permitirán a vixilancia de espazos e a limitación de aforamento, se fose necesario, en eventos que se celebren no municipio.
Tamén se colocarán 15 cámaras de tracking de vehículos que axilizará o control das entradas e saídas de coches e mesmo establecer alertas de matrículas por parte da Policía Local. En canto ao control de afluencia de praias, Sanxenxo levará a cabo un proxecto piloto en Silgar que permitirá coñecer de forma precisa a afluencia da praia, as horas con maior número de persoas... Toda esta información aparecerá recollida nunha pantalla que se poderá ver desde o propio areal.
O proxecto inclúe tamén a instalación de pantallas informativas sobre a dispoñibilidade de aparcadoiros e o estado do tráfico que permitirán ao condutor buscar rutas alternativas ou a que estacionamento con prazas libres debe dirixirse. Dentro do programa Red.es inclúese unha aplicación móbil turística desde a que se poderá acceder a todos estes datos relevantes tanto para veciños como turistas que, á súa vez, tamén se recollerán nunha páxina web que está previsto que se lance o próximo 25 de novembro.
Nunha clara aposta pola mobilidade sustentable Sanxenxo contará cun sistema de aluguer de bicicletas con dúas paradas de 20 unidades cada unha en Sanxenxo e Portonovo. As bicicletas estacionaranse nunha marquesiña pechada para evitar actos vandálicos e os usuarios deberán acceder a través dun código. O proxecto inclúe ademais a implantación de wifi en ata 35 puntos das distintas parroquias do municipio.

0
0
0
s2sdefault