Concello de Sanxenxo - A HUMANIZACIÓN DA PRAZA PÚBLICA DE VILALONGA PREVESE QUE ESTEA FINALIZADA O PRÓXIMO MES DE MARZO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As obras da Praza Pública de Vilalonga avanzan a bo ritmo e espérase que estean concluídas o próximo mes de marzo. O alcalde, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Planificación Territorial, María Deza, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, visitaron esta semana as obras xunto á arquitecta do proxecto, Irene Campo.

A empresa adxudicataria das obras xa levantou todo o pavimento e demoleu parte do palco da festa. A praza incrementará o seu espazo útil pasando dos 4.011 metros cadrados actuais aos 5.280 metros cadrados pola ampliación de espazos tanto polo lado da estrada PO-505 como do campo de fútbol. Tan importante como a súa ampliación é a súa ordenación para converter a praza nun espazo máis uniforme, suprimindo as barreiras físicas que agora limitan o seu uso.

Os obxectivos da humanización son mellorar o espazo, ampliando as beirarrúas polo lado do campo de fútbol e a PO-505, que pasará a ser "zona 20" de velocidade no tramo da praza, ademais da supresión do tráfico interior, mantendo o acceso de servizo ao campo de fútbol. Outros obxectivos son a mellora e a ampliación da zona infantil, a supresión das barreiras físicas que prexudican o uso da praza e a bancada perimetral, aproveitando a diferenza de altura de 4 metros entre o lado oeste (onde estaba o quiosco) e o leste.

Tamén se prevé a mellora dos accesos ao campo de fútbol e a plantación de árbores, concretamente bidueiros, para crear unha barreira natural entre a PO-505 e a praza no tramo no que están á mesma altura.

Tras a reforma a praza contará con tres espazos diferentes, que poden funcionar conxuntamente ou por separado segundo as necesidades: Zona de xogos infantís e dous espazos para eventos.

0
0
0
s2sdefault