Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACENDERÁ A SÚA ILUMINACIÓN DE NADAL O 3 DE DECEMBRO CON 406 ELEMENTOS DECORATIVOS LED
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As luces que se estenderán por 55.886 metros cadrados do municipio apagaranse o 8 de xaneiro

Sanxenxo acenderá a súa iluminación de Nadal o sábado 3 de decembro. Con el dará comezo unha ampla programación de actividades co obxectivo de crear ambiente festivo nas rúas, prazas e lugares de encontro públicos. Unha época que está chamada a converterse a terceira tempada turística do ano. En total, colocaranse 406 elementos decorativos led que se estenderán por 55.886 metros cadrados do municipio. Un ano máis, o Concello aposta por levar a decoración do Nadal ás sete parroquias en forma de recunchos ou espazos que convidarán a inmortalizar a visita cunha fotografía. A empresa Creacións Luminosas encargarase da iluminación despois de que resultase o ano pasado a adxudicataria do servizo durante dous anos por 235.958 euros.

Aos tradicionais arcos luminosos e guirnaldas de luz, sumaranse os elementos decorativos en farois, prazas e espazos emblemáticos. As rotondas de acceso ás parroquias iluminaranse con distintos elementos decorativos como árbores, cervos e letras luminosas de felicitación.

Na Praza dos Barcos, un enorme oso presidirá o espazo que contará cun rótulo luminoso co nome de Sanxenxo, as seis palmeiras tamén contarán con iluminación do mesmo xeito que os farois. Na Praza de Pascual Veiga, 16 guirnaldas de 12 metros decorarán as árbores e unha carruaxe situarase no centro da praza. Os mantos luminosos estenderanse pola Rúa Madrid, Augusto González Besada mentres que en Progreso apostarase por motivos en farois. Tamén a Avenida Luís Rocafort contará este ano con decoración do Nadal, así como a Rúa dos Castiñeiros, a Rúa Vidal Rocha ou a Rúa San Isidro. O acceso ao porto deportivo, o Paseo dos Barcos e Rúa Cesteiros. Na fachada do Concello colocarase un balancín e unha guirnalda de luz colgará pola fachada.

En Portonovo iluminarase a estrada da Lanzada, a Rúa Areal, Lalinde del Río e Mariña, a contorna da capela de Arra e Baltar, a entrada a Montalvo, Rúa Méndez Núñez, Rúa Santa Catalina, a Capela de San Roque, a Rúa Rafael Picó, a rotonda de Baltar, a rotonda do porto. Os cervos e as árbores luminosas volverán á zona axardinada da zona da curva en Portonovo. No parque do Espiñeiro, un amplo trineo con dous cervos presidirá o espazo.

A Praza de Manuel Cortés en Bordóns contará cunha bóla luminosa en forma de arco e unha felicitación "Bo Nadal" completará a decoración. En Dorrón, na contorna do colexio, unha familia de renos con luz converterase nun photocall este nadal. En O Santo, Nantes, un Papa Noël luminoso e un boneco de neve iluminarán a praza, mentres que en Noalla, na zona da farmacia, unha estrela e unha felicitación do Nadal decorarán o espazo. En Vilalonga, reforzaranse as decoracións no centro urbano, xa que debido ás obras na Praza Pública non se poderá colocar este ano recuncho do Nadal.

0
0
0
s2sdefault