Concello de Sanxenxo - O CONCELLO EXECUTARÁ A RECONSTRUCIÓN DOS MUROS PERIMETRAIS DO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación dará comezo a próxima semana, terá un custo de 47.464 euros e un prazo de execución de dous meses

O Concello de Sanxenxo executará a próxima semana a reconstrución dos muros perimetraIs do Pazo de Quintáns debido ao mal estado que presentan diversas zonas do peche. Os traballos centraranse na limpeza, novo encintado e reposición das pastas de pedra nalgúns tramos nos que están rotas ou derrubadas. Na entrada, xunto ao hórreo, instalaranse ademais dúas columnas para reforzar o novo acceso á parcela.

Os traballos que se acometerán con fondos municipais, teñen un prazo de execución de dous meses e un custo de 47.464 euros. Esta actuación conta co permiso de Patrimonio, un trámite necesario ao ser o Pazo de Quintáns un Ben de Interese Cultural desde febreiro de 2017.

Mentres se execute esta obra, o Concello continuará coa tramitación dos permisos da 2ª fase de recuperación e rehabilitación do Pazo de Quintáns. O proxecto, cuxo orzamento ascende ata os 849.761 euros, conta cunha subvención do Plan de Sustentabilidade Turística dos Fondos Next Generation e expón actividades nas que se inclúen a recuperación dos espazos exteriores, o saneamento xeral do muro de peche, a recuperación dos ocos de paso no valado interior e a mellora da permeabilidade entre os diferentes espazos, patios e xardíns do pazo.

Unha das parcelas do conxunto destinarase á execución dunha edificación consistente nun espazo multidisciplinar, no que se propón acoller diferentes eventos como congresos, charlas ou eventos, que contribúan á difusión e coñecemento do Pazo de Quintáns.

O proxecto inclúe tamén a recuperación do xardín botánico presente ao leste do pazo, así como a recuperación do carácter hortícola de parte do patio de labranza. O acondicionamento do mesmo prevese mediante carreiros de grava.

0
0
0
s2sdefault