Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SACA A LICITACIÓN O ALUGUER DE DÚAS NAVES COMO ALMACÉN PARA DISTINTOS SERVIZOS MUNICIPAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O orzamento base do concurso por un ano ascende a 38.400 euros

O Concello de Sanxenxo sacou a concurso o aluguer de dúas naves como almacén para distintos servizos municipais. Desde hai anos, a falta de inmobles que reúnan as condicións para esta función obriga á administración local a realizar un arrendamento anual. O orzamento de base de licitación por un ano ascende a 38.400 euros con posibilidade de 3 prórrogas.

En canto ás características, unha das naves debe ter unha superficie mínima de almacenamento de 700 metros cadrados na que se poidan almacenar e gardar tractores, módulos de aseos, maquinaria e elementos de dimensións considerables. A nave debe contar ademais cunha entrada e saída de vehículos segura e cómoda, fronte á vía pública. Ademais, debe dispor de servizos de electricidade, iluminación e fontanaría. A outra nave contará cunha superficie mínima de 500 metros cadrados e deberá cumprir cos requisitos da anterior.

No prego exponse que se valorará que o local estea acondicionado ou con obras mínimas de adecuación para o cumprimento de normativa que se pretende sobre aqueles outros que precisen obras de acondicionamento total. O proceso de contratación atópase nestes momentos en proceso de valoración da única oferta que se presentou.

Nave multiservicios
A empresa municipal Ínsula Sanxenxo acaba de adxudicar a redacción do proxecto para a construción dun complexo que integrará diferentes naves destinadas a servizos municipais no parque empresarial de Nantes. Con esta construción, o Concello espera aforrar o actual aluguer da nave de Servizos. Ademais, a obra permitirá concentrar nun mesmo espazo varios servizos municipais. O anteproxecto contempla a construción de cinco edificacións ou naves destinadas á Policía Local, Emerxencias e unha nave para servizos xerais e espazo coworking ou viveiro de empresas. Ademais, contémplase unha oficina para servizos xerais e unha estación para almacenamento da iluminación pública, nunha parcela que conta cunha superficie total de 8.343 m2. O orzamento de 2023 ten reservada unha partida de 1,5 millóns para a súa construción.

0
0
0
s2sdefault