A actuación financiada con fondos propios municipais ascende a 47.464 euros
Os traballos de reconstrución do peche perimetral do Pazo de Quintáns avanzan a bo ritmo tras a retirada do valado antigo, a roza do espazo e o inicio das escavacións para instalar a nova estrutura. A actuación financiada con fondos propios municipais ascende a 47.464 euros e centrarase na reposición das pastas de pedra gris nos tramos nos que están rotas ou derrubadas, así como o seu encintado. Na entrada, xunto ao hórreo, instalaranse ademais dúas columnas para reforzar o novo acceso á parcela. Esta actuación conta co permiso de Patrimonio, un trámite necesario ao ser o Pazo de Quintáns un Ben de Interese Cultural desde febreiro de 2017.
Mentres se executa esta obra, o Concello continúa coa tramitación para licitar a 2ª fase de recuperación e rehabilitación do Pazo de Quintáns. O proxecto, cuxo orzamento ascende atq os 849.761 euros, conta cunha subvención do Plan de Sustentabilidade Turística dos Fondos Next Generation e expón actividades nas que se inclúen a recuperación dos espazos exteriores, o saneamento xeral do muro de peche, a recuperación dos ocos de paso no valado interior e a mellora da permeabilidade entre os diferentes espazos, patios e xardíns do pazo.
Unha das parcelas do conxunto destinarase á execución dunha edificación consistente nun espazo multidisciplinar, no que se propón acoller diferentes eventos como congresos, charlas ou eventos, que contribúan á difusión e coñecemento do Pazo de Quintáns.
O proxecto inclúe tamén a recuperación do xardín botánico presente ao leste do pazo, así como a recuperación do carácter hortícola de parte do patio de labranza. O acondicionamento do mesmo prevese mediante carreiros de grava. Outra das accións previstas é a mellora das condicións de acceso ao Pazo de Quintáns, para o que se adecuará o camiño de entrada, crearase un aparcadoiro e un espazo para a manobra de autobuses e furgonetas de servizo.
A RECONSTRUCIÓN DO MURO PERIMETRAL DO PAZO DE QUINTÁNS CONCLUIRÁ NA PRIMEIRA QUINCENA DE XANEIRO

powered by social2s