Concello de Sanxenxo - ARRA RECUPERA AS VERBENAS DE SAN AMARO E SAN MARZAL CON CATRO ORQUESTRAS DE NIVEL E DOUS SORTEOS DE 500 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As festividades contarán coas tradicionais celebracións litúrxicas e a poxa de ofrendas

Arra prepárase para celebrar o vindeiro domingo e luns as festividades de San Amaro e San Marzal. A asociación Cultural San Cayetano de Arra en colaboración co Concello de Sanxenxo pechou un cartel con dúas verbenas que contarán con catro orquestras de nivel como son A Oca, París de Noia, Marbella e Os Satélites. Tampouco faltarán as tradicionais celebracións litúrxicas e a poxa de ofrendas.

O domingo, en honra ao patrón de Arra, San Amaro, a xornada comezará cunha salva de bombas anunciando a festividade. "Os do Barro" e a Banda de Música encargaranse da animación na rúa. A partir das 11 horas, celebrarase a misa e ás 12:45 horas terá lugar unha actuación da Banda de Música fronte a Casa Zulema. Ás 13:15 terá lugar unha misa cantada coa tradicional procesión. A partir das 21 horas dará comezo a verbena que correrá a cargo das orquestras A Oca e París de Noia. As actuacións terán lugar baixo unha carpa con calefacción e durante o transcurso da verbena sortearanse 200 euros.

O luns, en honra a San Marzal, Arra espertará cunha alborada a cargo do grupo de gaitas de "Os do Barro". A partir das 13 horas, celebrarase a misa e a procesión. Tras os actos litúrxicos, terá lugar a poxa de ofrendas na que os veciños participan con galos, centros e ramos de flores. A recadación destinarase a melloras na parroquia e a sufragar parte dos gastos da festa. A partir das 21 horas, a gran verbena correrá a cargo de Marbella e Os Satélites. Durante a noite sortearanse 300 euros. A partir das tres da madrugada realizarase unha gran tirada de bombas de palenque anunciando o fin de festas.

0
0
0
s2sdefault