Concello de Sanxenxo - SANXENXO SORTEARÁ 12 ESTANCIAS PARA DÚAS PERSOAS EN FITUR DENTRO DA SÚA ACCIÓN DE PROMOCIÓN DE DESTINO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O Concello realizará un prelanzamento da súa liña de roupa e presentará un novo folleto turístico náutico

Unha foto nos tótems promocionais do municipio, no stand ou con algún dos dous informadores da nova liña de roupa de Sanxenxo terá premio en Fitur. Só haberá que subila a Facebook, Twitter ou Instagram co hashtag #SanxenxoEnFitur2023 e etiquetar a Turismo de Sanxenxo para entrar nun sorteo de 12 estancias de dúas noites para dúas persoas no que colabora o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo. O alcalde, Telmo Martín, acudirá á cita, que se celebrará en Madrid do 18 ao 22 de xaneiro, acompañado da primeira tenente de alcalde, María Deza, e da coordinadora de Turismo de Sanxenxo, Romina Fernández. O sector empresarial turístico de Sanxenxo contará como cada ano cunha ampla representación na feira, no que se inclúe a directiva do CETS, hostaleiros, restauradores e os maioristas con sede en Sanxenxo como son Viajes InterRías e CN Travel.

Sanxenxo disporá, por terceiro ano consecutivo, cun espazo propio no stand de Turismo de Galicia no que se elixiu como imaxe unha fotografía aérea de Punta Vicaño coa praia de Silgar ao fondo e desde onde se pode apreciar a localización do municipio na Ría de Pontevedra. Ademais, contará á entrada do pavillón con dous prismas con imaxes do Pazo de Quintáns, a contorna da ermida da Lanzada e deportes náuticos.

O destino turístico líder no norte de España acudirá á cita cun novo folleto que pon en valor as grandes posibilidades náuticas coas que gozar da ría en calquera momento do ano. Todo iso sen esquecer a súa tradición pesqueira arraigada á súa excelente gastronomía. O novo material promocional segue a liña dos tres anteriores dedicados ao Patrimonio, Paisaxe e Praias que se presentaron en Fitur na edición pasada.

Outra das grandes novidades desta edición será o prelanzamento da liña de roupa que Sanxenxo comezará a comercializar a partir do próximo ano na oficina de turismo do porto deportivo que se acondicionará tamén como punto de venda. Dous promotores turísticos lucirán cinco das pezas da liña: Unha sudadera, unha gorra, unha bolsa, unha camiseta e un polo. Actuarán, ademais, como axentes promocionais da marca Sanxenxo durante a feira.

0
0
0
s2sdefault