Concello de Sanxenxo - SANXENXO PECHA 2022 CON 40.323 INMOBLES URBANOS INVENTARIADOS CUN VALOR CATASTRAL DE CASE 2.000 MILLÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O 40,83% das unidades son de uso residencial e suman unha tasación de 803.029.891 euros

Sanxenxo pechou 2022 cun total de 40.323 inmobles urbanos inventariados que alcanzan un valor de tasación de case 2.000 millóns de euros (1.966.630.690 €), segundo o último balance da Dirección Xeral de Catastro. Unha cifra que sitúa ao municipio en terceira posición na provincia, só por detrás de Vigo e Pontevedra, en número de inmobles. O crecemento poboacional dos últimos anos no municipio explica o peso residencial na distribución por usos destes inmobles. Así, o 40,83%, é dicir, 16.465 responden a vivendas que suman unha tasación que supera 800.000 millóns de euros.

Os rexistros anuais realizados pola Dirección Xeral do Catastro permiten analizar os datos cunha maior perspectiva nas tendencias de crecemento ou baixada segundo o tipo de usos. Resulta especialmente significativo, o aumento nun 141% de inmobles industriais no últimos sete anos. Sanxenxo pechou 2022 cun total de 809 unidades deste tipo. O repunte comercial desde 2015 tamén é rechamante. A pesar da situación que está a atravesar a nivel xeral o pequeno e mediano comercio, Sanxenxo conta con 794 inmobles con este uso, un 14% máis que en 2015. No caso da hostalaría, a pesar da gran rede hostaleira da que dispuña o municipio xa en 2015, o crecemento é do 23% contabilizando, ao peche de 2022, un total de 264 unidades.

A coordinación e boa colaboración entre administracións, Concello, Catastro e Deputación de Pontevedra (ORAL) permitiron que o municipio estea actualizado no catálogo dos seus bens e que se realice unha recadación acorde coa realidade urbanística do municipio. E é que cabe lembrar que o IBI é a principal fonte de ingresos municipais. Un imposto polo que o Concello de Sanxenxo prevé recadar este ano 7.625.000 euros, a pesar de ser un dos poucos municipios en que se mantén o tipo no 0,40% para os bens urbanos, mínimo legal permitido, tal e como fixa o Ministerio de Facenda.

0
0
0
s2sdefault