Concello de Sanxenxo - AS OBRAS NA PRAZA DE VILALONGA AVANZAN, A PESAR DAS CHOIVAS, COA ESTRUTURA DA BANCADA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo ten nestes momentos seis obras en execución en distintas parroquias do municipio

As obras na Praza de Vilalonga avanzan a bo ritmo, a pesar das choivas, coa estrutura da bancada co que contará o novo espazo e a construción do bordo perimetral. Nos próximos días, sempre que o tempo o permita, está previsto iniciar a pavimentación da praza que incrementará o seu espazo útil, ao pasar dos 4.011 metros cadrados actuais aos 5.280 metros cadrados. Así mesmo, tanto o palco como o bar serán reformados dentro do mesmo proxecto, co que se conseguirá que, no caso do bar, pase a dar servizo a toda a praza, máis aló do campo de fútbol.

A obra suporá a definitiva humanización da contorna, eliminando o tráfico rodado, aínda que mantendo o acceso de servizo ao campo de fútbol. O espazo converterase nunha zona versátil con beirarrúas amplas no lado da praza e no oposto, e proporase a limitación de 20 km/h no tramo da PO-505.

Para potenciar a zona infantil, suprimiranse as barreiras físicas existentes, así como o valado perimetral, que prexudica o acceso á praza. Pola contra, construirase unha bancada cunha pérgola de estrutura de aceiro galvanizado, cuxos alicerces seguirán a liña dos troncos de bidueiro, co obxectivo de habilitar a realización de eventos culturais e deportivos con sombra durante a tempada estival.

No caso do campo, prevese tamén a mellora dos seus accesos, ademais da plantación de bidueiros que sirvan de barreira entre a estrada e a praza. Desta forma, tras a obra, a praza incluirá tres necesidades: zona infantil, unha zona para realizar pequenos eventos e outra para eventos maiores. A obra ten un custo de 908.564 euros (IVE incluído) e está a ser executada por EC Casas que ofreceu unha ampliación da garantía dos traballos de 4 anos.

Sanxenxo ten nestes momentos en execución seis obras, ademais da Praza de Vilalonga, están o boulevard de Portonovo, o pavillón de Baltar, a senda de Dorrón, a mellora de seguridade viaria da PO-504 e as obras de posta a punto dos parques infantís. Nos próximos días, prevese que se adxudique a mellora da Praza do Pazo.

0
0
0
s2sdefault