Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO REFORZARÁ O SEU PERSOAL CON 31 TRABALLADORES A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As prazas que se ofertan son 3 administrativos e 31 peóns para obras, xardíns e praias

O Concello de Sanxenxo incorporará este ano ao seu persoal a 31 traballadores e traballadoras contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a activación do emprego. En total destínanse a este programa 257.773 euros, dos cales o Concello achega 6.472 euros. As prazas que se ofertarán este ano son 31 peóns para obras, servizos, xardinaría e praias, así como 3 administrativos. As persoas contratadas formarán parte dos departamentos vinculados ao plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.


Os primeiros 21 peóns está previsto que comecen a principios do mes de marzo e, a partir do 15 de abril, incorporaranse os 10 peóns restantes e os 3 administrativos. As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Sanxenxo, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SEPE) como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o traballo, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.


O SEPE será o encargado de realizar a primeira selección dos e das aspirantes, onde terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, que acrediten unha discapacidade superior ao 33% (sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos), familias monoparentais con fillos ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixos e cargas familiares.


Estas contratacións axudarán á posta a punto do municipio de cara á tempada de Semana Santa e de verán cando o municipio multiplica a súa poboación e a carga de traballo tanto de tarefas de mantemento como de xardíns e limpeza é maior. Tamén os tres administrativos axudarán a alixeirar a carga de traballo nos departamentos que o precisen.

0
0
0
s2sdefault