Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITARÁ UN PLAN DE ASFALTADOS DE VIARIOS MUNICIPAIS POR 866.427 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



En total pavimentaranse 16 pistas nas que se inclúe a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados

O Concello xa ten listo o proxecto do plan de asfaltados de viarios e pistas municipais por 866.427 euros. En total realizaranse 16 asfaltados nas sete parroquias que abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúense a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados. A saída a licitación do proxecto está pendente agora dos permisos sectoriais tramitados ante a Deputación de Pontevedra, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Costas. O prazo total previsto para a execución das obras é de 4 meses e serán financiadas co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade  destas estradas ao mellorar o seu firme, nalgúns casos notablemente deteriorado, o que dá lugar a situacións de risco e inseguridade para os usuarios. En liñas xerais prevese a extensión dunha capa de rodaxe e unha regulación do firme nos tramos necesarios. En función das características de cada viario, seguíronse unha serie de pautas de asfaltado e pavimentación para mellorar a capacidade portante do firme. Así, nun total de 10 pistas contempladas no proxecto realizarase un ensanche previo: Telleiro-Talleres Arbón, Salgueira Arnosa, A Bouza-A Lomba, Carballal, O Santo-Xunqueiriña-Polígono, Paxariñas- Barreira, Canelas, Reis-Cachadelos, Os Cotos-Paradela e A Costa- A Granxa. Outros 3 precisan dun tratamento especial no firme como son as bandas transversais para a redución de velocidade no viario Telleiro-Hotel A Lanzada e dúas sendas peonís, unha entre Telleiro- Talleres Arbón e outra entre Salgueira e Arnosa.

Ademais, o Concello sacará en breve a licitación a humanización do Camiño da Fontiña co que se completará a posta en valor do núcleo do Outeiro en Bordóns, un espazo dun alto valor patrimonial e cultural. O proxecto contempla a eliminación previa do pavimento do Camiño da Fontiña e dun pequeno ramal na marxe esquerda que se atopa en moi mal estado para substituílo por un acabado igual ao resto do núcleo rural. Os traballos inclúen a mellora da rede de pluviais e as canalizacións necesarias de rede eléctrica e telecomunicacións. A pavimentación executarase cunha zona central de paso no camiño de 2,20 metros de ancho a base de lastro prefabricado de formigón mentres que no pequeno ramal está previsto a pavimentación con formigón coloreado.

A obra contempla tamén unha mellora na iluminación coa instalación de 3 luminarias LED que realzará a beleza da contorna no que se atopa a Praza de Manuel Cortés e a contorna da igrexa. A actuación que abarca preto de 700 metros cadrados está valorada en case 72.000 euros e conta cun prazo de execución de 2 meses.

0
0
0
s2sdefault