Concello de Sanxenxo - A XUNTA APROBA O PROXECTO DA NOVA SENDA PEONIL QUE CONECTARÁ AS DÚAS MARXES DA AUTOVÍA DO SALNÉS EN SANXENXO, CUN INVESTIMENTO DE 180.000 €
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

― O Executivo autonómico autoriza as expropiacións para construír un itinerario de 380 metros na contorna do enlace da autovía coa PO-504, superando unha barreira para a mobilidade dos peóns e reforzando a seguridade viaria 

― A intervención incluirá a dotación de iluminación, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica 

A previsión é licitar as obras e convocar as expropiacións no segundo trimestre do ano, co obxectivo de iniciar os traballos no verán cun prazo de execución de 2 meses 

Esta actuación da Xunta engádese aos itinerarios rematados no marco do Plan de Sendas do Salnés, cun investimento de 12 M€ e máis de 21 km de sendas construídas 

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de execución da nova senda na contorna do enlace da autovía do Salnés, a AG-41, coa estrada PO-504, no concello de Sanxenxo, que ten por obxectivo conectar as dúas marxes da vía de altas prestacións. 

O investimento que o Goberno galego destinará a este novo itinerario de uso peonil roldará os 180.000 euros, incluíndo o pagamento dos 5 predios necesarios para impulsar estas obras. 

Mediante esta nova actuación no municipio pontevedrés, a Xunta habilitará un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude entre ambas as marxes da autovía, o que permitirá superar unha barreira para a mobilidade dos peóns e reforzar a seguridade viaria. 

A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Goberno galego leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención. A superficie de expropiación definitiva será de 85,16 metros e ocuparase temporalmente unha superficie de 35,71 metros. 

En concreto, a nova senda partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita do punto quilométrico 0+690 da estrada PO-504 e estenderase ata o 0+870. Nese punto, deixado atrás o paso inferior sobre a VG-4.1, o trazado da senda discorrerá paralelo ao pé do noiro da continuación da autovía do Salnés, para rematar na glorieta inferior do enlace. 

Con esta solución evítase o paso polo enlace da dita glorieta, polo que se consegue unha maior seguridade viaria. 

A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada. 

A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública de modo que se garanta a seguridade dos usuarios, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras dispostas no treito que discorre paralelo á PO-504. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre de 2023, co obxectivo de iniciar os traballos no verán. A actuación ten un prazo de execución de 2 meses. 

Esta intervención súmase ás xa rematadas no marco do Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés, que cun investimento de máis de 12 M€ permitiron acadar máis de 21 km lineais de itinerarios peonís. 

O Goberno galego segue a traballar para que as estradas autonómicas do Salnés sexan verdadeiros eixos de mobilidade segura e sostible tamén para peóns, para o que na actualidade existen ou están a ser proxectadas sendas ou beirarrúas ao longo da PO-549, a PO-302, a PO-306 e a PO-307 para camiñar de modo seguro entre Cambados, Vilanova, Vilagarcía e A Illa de Arousa a través destas estradas autonómicas. 

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE Gabinete de prensa

0
0
0
s2sdefault