Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PREVÉ SACAR A LICITACIÓN EN MARZO A REFORMA INTEGRAL DO PAZO DE EMILIA PARDO BAZÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde e o delegado do goberno visitaron esta mañá o auditorio onde está prevista un investimento de máis de 1,8 millóns

O alcalde, Telmo Martín, e o delegado do Goberno, Jose Manuel Miñones, visitaron esta mañá o Pazo Emilia Pardo Bazán, edificio que vai ser obxecto dunha reforma integral cun investimento de máis de 1,8 millóns de euros procedentes dunha axuda do programa europeo de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (Pirep) e de fondos municipais. Antes de achegarse ao Pazo, o alcalde e o delegado do Goberno mantiveron unha reunión de traballo no Concello para abordar a situación das axudas solicitadas e a posibilidade de acollerse a novas subvencións estatais. Miñones asinou, ademais, no libro de honra de Sanxenxo.

Tras o encontro desprazáronse ao Pazo Emilia Pardo Bazán para realizar un percorrido polas instalacións municipais no que estiveron a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, membros da Corporación e o arquitecto redactor do proxecto, Carlos Berride, que explicou a actuación.

O obxectivo da reforma é conservar a esencia do edificio cunha revisión en profundidade da cara exterior da fachada, así como a das terrazas e os patios exteriores e o seu mantemento. No proxecto prevese a instalación de elementos de illamento acústico nas zonas da biblioteca, as salas de ensaio e a sala de música, cunha ampliación da funcionalidade destes e outros espazos. Ademais, exponse unha mellora de accesibilidade desde o centro urbano con estacións de recarga de coche eléctrico e aparcadoiros para bicicletas e patinetes. En definitiva, a reforma suporá a mellora da envolvente térmica do edificio, a optimización dos sistemas de climatización, un aforro enerxético en luminarias, o consumo de auga e a aposta pola mobilidade alternativa, medidas de illamento acústico, solucións de accesibilidade sensorial e cognitiva no auditorio e a integración coa contorna.

Pola súa banda, Miñones destacou "a calidade do proxecto" e incidiu en que serán "cartos moi ben investidos". O alcalde sinalou que o proxecto está previsto que salga a licitación no mes de marzo para que as obras dean comezo en maio. En canto ao prazo de execución, será "de menos dun ano".

0
0
0
s2sdefault