Concello de Sanxenxo - TRES NOVOS AXENTES TOMAN POSESIÓN E SÚMANSE AO PERSOAL DA POLICÍA LOCAL DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A finais de ano está previsto que se incorpore outra policía que culminará a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública

O alcalde Telmo Martín presidiu a toma de posesión de tres novos axentes que se incorporaron ao persoal da Policía Local de Sanxenxo. Ao acto que tivo lugar no salón de Pleno asistiron o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, o edil de Persoal, Marcos Guisasola e a xefa da Policía Local, Luisa Fariña, así como compañeiros. Os novos axentes Ismael Otero, Antonio Iglesias e Germán González xuraron o seu cargo para incorporarse á actividade no municipio.

Os tres coñecen Sanxenxo pois xa realizaron períodos de prácticas durante varios veráns e coñecen o método de traballo da comisaría. A finais deste ano incorporarase outra nova policía, Patricia Penavella tras culminar a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública.

O alcalde deu a benvida aos novos policías locais e agradeceulles que elixisen Sanxenxo para desenvolver a súa vida laboral. "Agardamos sacar proximamente outras dúas prazas máis de policía coas que xa estariamos cun cadro de persoal de 23 axentes, acorde as necesidades do municipio", sinalou, mostrando o seu compromiso firme cun servizo que "funciona moi ben".
Martín lembroulles que Sanxenxo é un municipio turístico que en determinados momentos do verán quintuplica a súa poboación. "Unha persoa que chega de fóra e precisa axuda o primeiro que fai é buscar un coche da Policía Local ou un axente. Vós sodes en moitos casos a imaxe do noso municipio", indicou.

Con estas tres novas incorporacións, catro xa a finais de ano, a Policía Local reforzará a seguridade cidadá e o control de tráfico na vila. A xefa da Policía Local destacou a "profesionalidade" das novas incorporacións, así como a súa "disposición no traballo".

0
0
0
s2sdefault