Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 452 EMBARCACIÓNS CON 20 BANDEIRAS DIFERENTES FIXERON ESCALA NO PORTO DEPORTIVO XOÁN CARLOS I EN 2022
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa municipal ingresou máis de 2 millóns de euros durante o pasado ano

Un total de 452 embarcacións de ata 20 países diferentes recalaron no porto deportivo de Sanxenxo I en 2022. A maioría das embarcacións procedían do territorio nacional (258), seguidas de Francia (43), Irlanda (37), Portugal (24) e Gran Bretaña (15), pero tamén fixeron escala en Sanxenxo barcos con bandeira de Namibia, Finlandia, Sudáfrica, Polonia, Estados Unidos, Bélxica, Suíza, Dinamarca, Islandia, Holanda, Noruega, Suecia e Eslovenia.

A maioría das embarcacións foron veleiros (324) fronte aos de motor (128). Nauta Sanxenxo continúa percibindo o interese crecente polo aluguer de amarres para todo o ano, especialmente de barcos de eslora de máis de 18 metros, é dicir, iates xa dunha certa envergadura e tamaño, aínda que seguen sendo máis numerosos os alugueres de barcos con ata 12 e 15 metros.

O porto deportivo de Sanxenxo conta cunha superficie concesional total de 123.222 metros cadrados. As súas instalacións comprenden unha lámina de auga de 90.000 metros cadrados, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 metros cadrados de espazo peonil. Aos amarres correspondentes ao aluguer estival e os que son de carácter anual fixo súmanse as concesións e os amarres variables para o tránsito de embarcacións.

En canto aos ingresos, Nauta Sanxenxo obtivo unha facturación de 2.020.527 euros en distintos conceptos como mantemento prazas de amarre, tránsitos, combustible, parking, guindastre ou varadero, entre outros. Unha cifra que constata a recuperación da actividade con datos similares aos de antes da pandemia.

Cabe lembrar que a actual concesión de Portos de Galicia vence no 2027 e a súa ampliación ata 2047 permitirá consolidar o porto sanxenxino como un referente na entrada da ría de Pontevedra. Esta prórroga da concesión está vinculada a unha serie de proxectos que redundarán na mellora da fachada marítima como son o proxecto Batea en Terra e a reordenación da lámina de auga, sen supor ningún custo para as arcas municipais.

0
0
0
s2sdefault