Concello de Sanxenxo - OLLARES DE PORTONOVO RETRATA A 30 MULLERES DO MUNICIPIO NAS SÚAS DISTINTAS FACETAS LABORAIS NUNHA EXPOSICIÓN O 8-M
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A mostra "Mulleres no obxectivo" exporase na entrada do Pazo de Emilia Pardo Bazán o Día Internacional da Muller

O Concello de Sanxenxo, a través do Centro de Información á Muller, dedicará o 8-M ás mulleres do municipio cunha programación que busca visibilizar o papel significativo de veciñas en distintos ámbitos profesionais. Ademais do vídeo de "Mulleres Inspiradoras" que se emitirá ese día ás 20 horas, no Día Internacional da Muller realizarase unha exposición "Mulleres no obxectivo" con fotografías realizadas por membros da asociación portonovesa Ollares de Portonovo.

A mostra poderá visualizarse na entrada do Pazo de Emilia Pardo Bazán, localización na que se emitirá tamén o documental, cun total de 30 fotografías de mulleres nos seus distintos postos de traballo. A exposición levarase aos centros escolares e ás casas de cultura nos próximos meses co obxectivo de achegar o papel de todas elas a veciños e veciñas de Sanxenxo. Ademais, a actriz, xornalista e monologuista coñecida polo seu papel no Club da Comedia, Jazmín Abuín, realizará un monólogo durante o acto baixo o título "Riquiña". As actividades do programa están financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero.

Ruta pola igualdade
Baixo a lema "Boxeo e balonmán pola Igualdade" os clubs locais "Pibe´s Team Sanxenxo" de boxeo e o Club "Balonmán Sanxenxo" en colaboración co CIM de Sanxenxo, participarán na conmemoración que levará a cabo polo Día da Muller cunha ruta de sendeirismo o próximo 12 de marzo. Trátase dunha ruta circular de 5 quilómetros con saída ás 10 horas do pavillón municipal de Vilalonga, onde ambos os clubs realizan as súas actividades deportivas diarias. Ao finalizar a ruta, os nenos e nenas de cada un dos clubs farán unha exhibición das dúas disciplinas.

O Club "Balonmán Sanxenxo" considera que a educación en igualdade é a única maneira de alcanzar unha sociedade máis xusta polo que quere contribuír á conmemoración do 8-M en unión con todos os nenos, nenas e familias que o conforman. O Club "Pibe´s Team Sanxenxo" de recente creación, avoga pola ruptura dos estereotipos e a loita pola igualdade, promovendo, que un deporte eminentemente masculinizado como é o boxeo, sexa practicado en Sanxenxo por mulleres e homes.

0
0
0
s2sdefault