Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO ASINA O PRIMEIRO CONVENIO DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA CO IES DE VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O acordo permitirá colaborar con 35 familias co gasto da viaxe educativa a York

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinou esta semana o primeiro convenio de colaboración co director do IES de Vilalonga, Rafael Arines, para unha viaxe de inmersión lingüística do alumnado de 4º da ESO a Inglaterra. Na rúbrica que tivo lugar en Alcaldía estiveron presentes a concelleira de Educación, Paz Lago, e o presidente da ANPA, Manuel Otero. O Concello achegará aproximadamente o 40% do custo do programa da viaxe á cidade de York de 35 alumnos e alumnas do municipio que asistirán a un curso de inglés de 3 horas diarias no campus universitario de ST. John University.

O alcalde felicitou ao centro pola iniciativa, en especial ao departamento de inglés, e mostrouse "encantado" de colaborar con este tipo de actividades educativas que permiten aos mozos  e mozas do municipio completar a súa formación nun aspecto tan relevante como o coñecemento de linguas estranxeiras, neste caso, do inglés, lingua franca admitida no conxunto da comunidade internacional. Tamén destacou o papel da ANPA que se puxo en contacto co Concello para falarlle do proxecto e brindarlle a oportunidade de colaborar coas familias nos gastos do programa.

O IES de Vilalonga farase cargo da parte técnica da viaxe e da organización comprometéndose a que o alumnado asista á formación de inglés na facultade universitaria. Unha vez realizada a actividade, o centro deberá presentar unha memoria explicativa asinada polo representante da entidade na que se inclúa unha conta xustificativa doutros ingresos e gastos se os houbese. A duración da viaxe é do 5 ao 12 de marzo e o custo total ascende a 860 euros.

0
0
0
s2sdefault