Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTABILIZA 37 CASOS ACTIVOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO NO SISTEMA VIOGÉN, NINGÚN EN RISCO EXTREMO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O salón de plenos acolleu a Mesa Local de Violencia de Xénero na que se abordou a situación actual no municipio

O alcalde Telmo Martín, presidiu onte a Mesa Local de Violencia de Xénero celebrada no salón de plenos de Sanxenxo onde se analizou a situación actual do municipio. Na reunión participaron a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Manuela Vilaboy; o concelleiro de Servizos Sociais, Daniel Arosa; o edil de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro; a xefa da Policía Local, Luisa Fariña; o tenente da Garda Civil, Manuel Sánchez; Ruth Socorro Piñeiro, sarxento da Garda Civil; a directora do CIM de Sanxenxo, Diana Názara e a asesora xurídica do CIM, Beatriz Carreira.

Sanxenxo conta nestes momentos con 37 casos activos no sistema Viogén, o que supón o 2,65% da provincia nos que se rexistran un total de 1.391 casos. Ningunha das mulleres atópase en risco extremo, segundo datos facilitados desde a Subdelegación do Goberno. En canto á situación de menores, Sanxenxo non conta nin con vítimas nin tampouco con autores menores de idade. A idade media de agresores e vítimas atópase entre os 31 e 45 anos.

Durante a mesa destacouse a colaboración entre as forzas de seguridade, en concreto da Garda Civil e da Policía Local, así como co Centro de Información á Muller de Sanxenxo que durante o pasado ano recibiron un total de 84 consultas sobre violencia de xénero e contabilizan 31 casos en Atenpro, un servizo que ofrece ás vítimas de violencia de xénero unha atención inmediata, ante as eventualidades que lles poidan sobrevir, as 24 horas do día.

O Concello de Sanxenxo, a través do CIM, leva anos apostando pola educación afectivo sexual como unha medida primordial na loita contra a violencia de xénero levando aos centros educativos uns programas adecuados aos distintos niveis educativos. Ademais, Sanxenxo renovou en 2021 o sistema Viogén para que as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información, recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de maneira que se ofreza ás vítimas unha mellor protección e servizo.

Durante a mesa acordouse realizar un protocolo a través do CIM de atención ás vítimas, nun primeiro momento, para protexela e mantela afastada do seu agresor nun lugar seguro e confortable.

0
0
0
s2sdefault