Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DE REFORMA DA PRAZA DO PAZO ARRINCAN CO LEVANTAMENTO DO PAVIMENTO CENTRAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A empresa habilitou un acceso perimetral valado para garantir o paso durante a actuación

As obras de reforma da Praza do Pazo arrincaron esta semana co levantamento do pavimento central como paso previo á impermeabilización da cuberta, a colocación dos tubos de drenaxe e a instalación eléctrica. A empresa adxudicataria dos traballos habilitou un acceso perimetral valado para garantir o paso en todo momento aos baixos comerciais e edificios.


A actuación coa que se busca humanizar e dar un maior dinamismo ao espazo ten un custo de 672.873 euros e acometerase con fondos municipais. O proxecto expón a creación de dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas, en pavimento de pedra que se unirán con percorridos accesibles para potenciar a interacción social e a actividade comercial da praza.
A actuación centrarase nos 2.371 metros cadrados da praza, mellorando tamén a conexión entre a Rúa dos Mariñeiros e Rúa Cesteiros, convertendo o espazo nunha zona polivalente con capacidade para 1.350 persoas. A vexetación cobra no proxecto especial relevancia como control solar e térmico polo que está prevista a plantación de árbores de folla caduca e a colocación de 10 chorros de auga a modo de fonte.


A plataforma horizontal maior destinarase principalmente a actividades e espectáculos ao aire libre. A escaleira de acceso principal desde a Rúa Madrid incluirá tres zonas máis elevadas, a modo de bancadas, que xerarán bancos corridos con acabado en madeira. En canto ao mobiliario da praza, contémplase a instalación de 15 luminarias de modelos diferentes que mellorará unha importante deficiencia actual do espazo e seis bancos.
O proxecto acometerase tras a realización dun estudo de viabilidade co que se revisaron 113 vivendas e locais, ademais de fachadas e zonas comúns que rodean este espazo.

0
0
0
s2sdefault