Concello de Sanxenxo - NAUTA TRAMITA ANTE COSTAS NOVOS MOVEMENTOS DE AREA NAS PRAIAS DA CARABUXEIRA E LAVAPANOS PARA ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa municipal continúa coa tramitación do proxecto definitivo que inclúe o dique e a achega de 17.000 m3 de árido

Nauta Sanxenxo xa tramitou ante a delegación provincial de Costas en Pontevedra a autorización para realizar novos movementos de area nas praias da Carabuxeira e Lavapanos como xa se fixo o pasado verán. O alcalde, Telmo Martín, visitou onte ambas as praias coa empresa encargada de realizar os traballos de mantemento para valorar a cantidade de area desprazada e abordar a súa reposición antes do verán. Os prazos dos traballos virán marcados pola idoneidade das mareas para poder recolocar o árido que se atopa nos frontais de ambas as praias.

A empresa municipal continúa coa tramitación do proxecto definitivo que inclúe a achega de 17.000 m3 de árido e a construción dun dique de contención de area formado por un núcleo de formigón forrado de granito. O seu trazado permitirá ir unindo as rocas existentes na zona para minorar o seu impacto ao máximo. A anchura do espigón sería de 2,24 metros e a súa lonxitude estenderíase por case cen metros da praia.

Tras a colocación deste dique retiraríanse os tubos xeotextiles que se colocaron na fase provisional realizada en 2021. Esta intervención vai acompañada da reposición de 27.000 metros cúbicos de area nas dúas praias, dos que se achegaron xa dez mil.

En canto ao paseo marítimo, Costas rexeita a mellora dos accesos e un paseo litoral e, no seu lugar, avoga por un de tipo desmontable ou de carácter fixo en servidume de tránsito, que na actualidade está ocupado por peches e edificios. Nauta Sanxenxo continúa buscando alternativas para poder facer realidade esta parte do proxecto e que comunicaría todo o litoral de Sanxenxo a través dunha senda.

0
0
0
s2sdefault