Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ENCARGA UN PROXECTO PARA RECUPERAR E PÓR EN VALOR A TORRE DA LANZADA E A SÚA CONTORNA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A fortificación da época medieval foi declarada BIC en 1985 e a última actuación de mantemento foi en 2006

O Concello de Sanxenxo conta xa cun proxecto sobre a Torre da Lanzada e a súa contorna para a súa protección, conservación, mantemento, rehabilitación, investigación e posta en valor. A fortificación é o último vestixio que se conserva hoxe en día do antigo castelo e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1985. A actuación prevista ascende a 488.126 euros e optará á liña de axudas do "Programa de mellora da competitividade e de dinamización do Patrimonio Histórico con uso turístico" no marco dos fondos europeos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

A localización da torre, case en contacto directo co mar e exposta ás máis duras inclemencias do tempo, explican, que o seu estado de conservación non sexa óptimo. Pero a pesar da súa aparente fraxilidade, a pequena porción das ruínas atópase en liñas xerais en bo estado de conservación, segundo conclúe o estudo, despois de que en 2006 se consolidasen os alzados principais e a roca que os sustenta, para así impedir o seu colapso.

A actuación prevista divídese en dous bloques. Un primeiro apartado centrado nas estruturas visibles e xa restauradas anos atrás coa eliminación da vexetación e raíces en ambas as caras dos muros, así como a consolidación de estruturas. O outro bloque focalizarase nos novos restos que poidan ser recuperados durante os traballos arqueolóxicos. Co obxectivo básico de incrementar o coñecemento acerca da presenza de estruturas enterradas no xacemento e facilitar a planificación dunha intervención posterior sobre o terreo, proponse levar a cabo unha prospección xeofísica non invasiva cun gradiómetro. O emprego desta tecnoloxía ofrece a posibilidade de detectar estruturas arqueolóxicas non visibles en superficie.

Un dos obxectivos do proxecto é a divulgación do coñecemento da Torre. Para iso proponse a integración de elementos tecnolóxicos dentro dunha experiencia na que as persoas visitantes poderán contemplar diferentes aspectos da torre e do seu contexto histórico ou mesmo do seu pasado como castelo/fortificación a través de realidade aumentada, visitas ao xacemento, redes sociais, cartelaría e mesmo a creación dun logotipo ou marca.

0
0
0
s2sdefault