Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ASINA UN CONVENIO CO BANCO DE ALIMENTOS PARA A CESIÓN DO NOVO LOCAL EN VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, e a presidenta da organización, Dora Pérez, selaron o acordo de colaboración

O Concello de Sanxenxo e o Banco de Alimentos Rías Baixas asinaron hai uns días un convenio de colaboración para a cesión do uso do novo local por un período de catro anos. A organización encárgase da recollida de alimentos tanto de orixe pública como privado e aprovisionar gratuitamente a institucións e persoas beneficiarias dos concellos da comarca do Salnés, pero tamén de Poio, Pontevedra, Marín, Caldas, Cangas e Ponte Caldelas.

O Banco de Alimentos, que ata agora estaba situado no Centro de Interpretación da Telleira, trasládase ao antigo mercado de abastos de Vilalonga. O Concello acometeu con fondos propios as obras de adecuación do inmoble de 211 metros cadrados por un custo total de 32.112 euros. As instalacións contan agora cun almacén cunha sala diáfana, un aseo adaptado e unha cámara de frío. Ademais, realizáronse traballos de illamento, pintura, fontanaría e electricidade e mellorouse o acceso ás instalacións.

O obxectivo é que A Telleira se converta nun centro de difusión dos valores ecolóxicos e etnográficos de toda a zona que fomente o turismo ambiental e ornitolóxico, especialmente nos meses de outono e inverno cando máis de 200 especies diferentes de aves elixen para invernar este humidal, incluído no convenio Ramsar para a conservación e uso racional deste tipo de espazos. Precisamente, coa finalidade de potenciar a protección desta contorna e convertela no centro da actividade ambiental, trasladarase a estas instalacións, dotadas coas últimas tecnoloxías dixitais, a sede da Concellería de Medio Ambiente. O Concello conta para iso cunha partida de 557.000 euros dos fondos europeos Next Generation para executar a actuación.

0
0
0
s2sdefault