Concello de Sanxenxo - MARTÍN VISITA A SUBESTACIÓN DE VILALONGA NA QUE NATURGY INVESTIRÁ 3,1 MILLÓNS NA SÚA MELLORA E NO SOTERRAMENTO DE LIÑAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación busca reducir o impacto visual e modernizar as instalacións para garantir un servizo óptimo

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o delegado de UFD en Pontevedra, Francisco Ramos, visitaron esta mañá as obras que se están acometendo nas instalacións da subestación de Vilalonga. A distribuidora de Naturgy anunciou un investimento de 3,1 millóns de euros na reforma da subestación e no soterramento das liñas de alta tensión que proveñen das subestacións de Nantes e Cambados.

A actuación que busca minorar o impacto visual e mellorar a subministración aos usuarios suporá a blindaxe do parque de alta tensión a través dunha nova estrutura, compatible con futuras reformas da subestación. A nova instalación contará con tecnoloxías de telecontrol e sensorización para mellorar os tempos de resposta en caso de incidencia.

O soterramento das liñas de alta tensión das subestacións de Nantes e Cambados suporán a retirada de 350 metros lineais aéreos de cableado e a retirada de dúas torretas de alta tensión logrando un menor impacto visual e unha maior integración do servizo na paisaxe.

Este importante investimento enmárcase na liña de colaboración entre o Concello e a distribuidora que xa en 2022 asinaron un convenio de cesión dunha parcela da subestación para uso público durante 99 anos. Este acordo permitiu a colocación dunha marquesiña e a creación de 10 prazas de aparcadoiro en Vilalonga.

O alcalde destacou o "importante investimento que vai realizar a subministradora e que vai permitir mellorar tanto o servizo coma o impacto visual co soterramento do cableado aéreo, a eliminación de dúas torretas e a cobertura do parque de alta tensión integrándose coa paisaxe". Na mesma liña, o rexedor asegura que tras esta ambiciosa actuación "a empresa comprometeuse a que haberá unha segunda fase na que se actuará nos dous transformadores de alta e media tensión".

Pola súa banda, Ramos destacou que "a reforma da subestación de Vilalonga supón un dos investimentos máis importante da distribuidora na zona como unha proba máis do compromiso desta compañía co desenvolvemento enerxético e económico de Sanxenxo e de toda a comarca do Salnés".

0
0
0
s2sdefault