Concello de Sanxenxo - O POLI PACO PARTICIPARÁ NO V CONGRESO ANDALUZ DE SEGURIDADE VIARIA QUE SE CELEBRARÁ EN ROTA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O policía local de Sanxenxo, Abelardo Martínez, moderará a mesa de Educación Viaria xunto ao seu boneco

O policía local de Sanxenxo, Abelardo Martínez, xunto ao seu boneco o Poli Paco, participarán no V Congreso Andaluz de Seguridade Viaria que se celebrará este xoves e venres en Rota no auditorio Alcalde Felipe Benítez. Martínez encargarase de moderar a mesa "Boas prácticas en Educación Viaria" na que se abordarán as distintas medidas que se tomaron a nivel nacional para mellorar a seguridade. "É un orgullo tanto a nivel persoal como a nivel institucional que a Policía Local de Sanxenxo participe neste congreso e que se nos tome como referencia neste tipo de foros de seguridade viaria", explica Abelardo Martínez.

A comunidade andaluza é unha das que máis se implica na educación viaria a través dos seus policías locais con distintas xornadas e actividades nas que se profunda en novas medidas. "É fundamental que desde os primeiros anos do neno ou da nena se empece ensinando educación viaria. De feito, sería moi positivo que nos colexios houbese unha formación específica de Educación Viaria nos centros educativos. Cada vez máis profesores interésanse por esta formación", asegura.

Relatorios, talleres e conferencias marcarán o desenvolvemento deste congreso no que se vai a falar da nova mobilidade, sistemas de retención infantil e experiencias en mobilidade segura, sustentable, activa e autónoma. Ademais, celebrarase a terceira edición dos premios da Asociación de Técnicos en Educación e Seguridade Viaria de Andalucía (Atesvan) que teñen como obxecto recoñecer publicamente a aquelas persoas e institucións, locais ou autonómicas, cuxa actuación no ámbito da educación viaria fose destacable. O Poli Paco recibiu este premio en 2019 e conta cun circuíto de educación viaria en Mairena de Aljarafe co seu nome. Deste xeito, Atesvan e a Fundación Smart Baby, buscan impulsar a difusión de boas prácticas en materia de Educación Viaria que se realizan por parte de Policías Locais, Técnicos Municipais, Formadores e Profesorado de centros educativos, así como de organismos públicos ou institucións privadas que contribuísen a mellorar a seguridade viaria no noso país mediante a achega de ideas, materiais didácticos, colaboracións humanas ou materiais e a subvención de actividades.

0
0
0
s2sdefault