Concello de Sanxenxo - NAUTA SANXENXO PROPÓN A ORECO BALGON PARA EXECUTAR A PRIMEIRA FASE DA REMODELACIÓN DA CONTORNA PORTUARIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa realizará o noiro axardinado por 1.497.439,60 euros e amplía o prazo de garantía da obra a cinco anos

A mesa de contratación de Nauta Sanxenxo propón como adxudicataria da primeira fase do proxecto Batea en Terra a Oreco Balgon. A empresa realizará a obra por 1.497.439,60 euros (IVE incluído), un prazo de garantía de 5 anos e rebaixan o prazo de execución 16 semanas. A superficie da zona na que está prevista a primeira fase de actuación ascende a 5.259 metros cadrados e, nela, proxéctase un noiro axardinado que comunica a Praza dos Barcos e a Praza do Mar. A obra dará comezo despois de Semana Santa.

O proxecto contempla a creación dun parque xardín que xere unha continuidade topográfica como un elemento charnela entre a Praza dos Barcos, o Paseo de Silgar, o Paseo dos barcos, o dique e os portos pesqueiro e deportivo. Mantense un acceso rodado ao porto pesqueiro polo exterior da praza, con carácter restrinxido. O aparcadoiro mantén as prazas actuais. Mantéñense todos os locais comerciais en concesión, sen intervención ningunha, axustando para iso a pendente do xardín.

A intervención desta fase contempla tamén a rehabilitación e mellora do pavimento na Praza dos Barcos e a súa integración dentro do proxecto, a redistribución do mobiliario urbano existente e a simplificación e unificación de todos os elementos de señalética. O obxectivo é a creación dun auténtico pulmón verde en pleno centro urbano de Sanxenxo, no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de oito variedades diferentes e un total de 10.289 plantas. As especies serán autóctonas, de diferente porte e con distintos estados de floración que permitan ter unha variación cromática ao longo do ano.

Optouse por introducir especies autóctonas propias da comunidade pola súa resistencia aos ventos, a salinidade e o seu baixo consumo de auga. Co deseño preténdese recrear unha paisaxe natural no espazo urbano que conecte aos usuarios e visitantes coa contorna, creando un espazo conector de biodiversidade e de valor ornamental, con masas arbustivas de floración graduada e abundante.

0
0
0
s2sdefault