Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITA A HUMANIZACIÓN DO CAMIÑO DA FONTIÑA EN BORDÓNS POR CASE 72.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno prosegue coa posta en valor do núcleo do Outeiro tras a actuación xa acometida neste núcleo en 2018

O Concello de Sanxenxo acaba de licitar a humanización do Camiño da Fontiña en Bordóns por 71.944 euros. A actuación centrarase nun dos accesos ao núcleo rural do Outeiro que actualmente ten un pavimento de formigón, que se atopa en avanzado estado de deterioración, e nun pequeno ramal existente na marxe esquerda do camiño.

Antes da pavimentación, demolerase o firme actual que alcanza unha superficie de 565,48 m2 e mellorarase a rede de pluviais, conectando a esta rede as baixantes existentes das vivendas. Ademais, colocaranse canaletas con reixas de fundición para eliminar a auga superficial do camiño. Tamén, se colocarán as canalizacións necesarias das redes eléctrica e de telecomunicacións.

Tras os traballos deixarase no camiño unha zona central de paso empedrado de 2,20 metros de ancho. Como o viario ten anchos dispares, completarase o pavimento con franxas laterais de formigón co árido visto. O estreito ramal da marxe esquerda pavimentarase cun formigón coloreado.

Para rematar as actuacións correspondentes a este proxecto, estenderase e compactará a zona de acceso ao camiño con mestura bituminosa en quente, e poranse a cota de nova rasante as tapas de rexistro e reixas existentes. Coa pavimentación do Camiño da Fontiña preténdese mellorar o servizo ofrecido aos seus usuarios, igualando o pavimento co existente na zona e pondo en valor o núcleo do Outeiro onde xa se actuou de forma similar en 2018.

O prazo de execución é de dous meses e a obra será financiada na súa totalidade con cargo a unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O prazo de garantía das obras será de 12 meses durante o cal a empresa construtora adxudicataria das obras estará obrigada a mantelas en perfecto estado de mantemento e limpeza.

0
0
0
s2sdefault