Concello de Sanxenxo - SANXENXO SACA A CONCURSO A SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA MUNICIPAL POR 1,1 MILLÓNS DE EUROS E OBRIGA A QUE POLO MENOS O 40% PROCEDA DE ENERXÍAS RENOVABLES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O contrato licítase en dous lotes, un para o Concello e outro para o organismo Terra de Sanxenxo, con posibilidade de prórroga dun ano

A subministración eléctrica municipal acaba de saír a concurso por 1,1 millóns de euros para os os edificios e instalacións públicas do Concello de Sanxenxo e o seu organismo autónomo Terra de Sanxenxo, así como a iluminación pública, fontes, semáforos, sistemas de bombeo ou rega que requiran enerxía eléctrica para o seu funcionamento. Ademais, dentro do compromiso de Sanxenxo co coidado do medioambiente e a loita contra o cambio climático, a empresa adxudicataria debe certificar que, polo menos, o 40% da enerxía fornecida durante a execución do contrato proveña de fontes de enerxía renovable.

O contrato licítase en dous lotes, o do Concello, 775.634 euros e o de Terra Sanxenxo, 343.908 euros e con posibilidade de prórroga por un ano. O concello e o seu organismo autónomo poderán modificar durante a vixencia do contrato as potencias contratadas nos distintos períodos, así como dar de baixa subministracións non necesarios, en función das súas necesidades e dentro dos límites establecidos pola normativa. As empresas que desexen participar no concurso deberán ser empresas comercializadoras e autorizadas de enerxía eléctrica para exercer no territorio español e especificamente na comunidade autónoma de Galicia.

A empresa adxudicataria comprométese a prestar ao Concello de Sanxenxo e ao seu organismo autónomo Terra de Sanxenxo atención permanentemente (24 horas ao día, 7 días á semana) para resolver calquera anomalía na subministración. Ademais, designará un xestor único con funcións de asistencia e informará as potencias a contratar para sucesivos contratos en cada período tarifario co obxecto de minimizar custos dos accesos á rede, así como doutros parámetros que teñan incidencia no custo do kWh. Ademais, deberá proporcionar toda a información do rexistro de incidencias nun prazo non superior a 7 días desde que se formalice a petición.

0
0
0
s2sdefault