Concello de Sanxenxo - MÚSICA E ANIMACIÓN ENCHERÁN AS RÚAS EN "PORTONOVO GASTRONÓMICO. FESTA DA RAIA 2023"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A exposición fotográfica "Portonovo, vila mariñeira" dará a benvida á cita cun total de 60 imaxes ao longo de Rafael Picó

Un tributo á cociña e produto con selo portonovés. Ese é o obxectivo de "Portonovo gastronómico. Festa da Raia 2023" que se celebrará o 29, 30 de abril e 1 de maio na vila mariñeira. Máis dunha vintena de locais participarán nunha festa na que música e a animación na rúa fundiranse coas propostas gastronómicas dos locais. A rúa Rafael Picó e a Rúa dos Viños converteranse no epicentro de degustación dos distintos produtos do mar con máis de 40 tapas realizadas especialmente para a cita. Ademais, unha exposición fotográfica, "Portonovo, vila mariñeira", cun total de 60 imaxes, dará a benvida á cita ao longo da avenida Rafael Picó. A mostra está asinada pola Asociación Ollares de Portonovo.

Nestas dúas rúas, está prevista un total de 15 actuacións durante os dous días e medio que dura a festa con charangas, ás que hai que sumar a animación con distintos espectáculos escénicos que dará á vila un ambiente festivo. Para o sábado, 29 de abril, pola noite, está previsto na contorna portuaria o concerto de MITIC. Un grupo que canaliza a súa mensaxe a través da súa música e dunha coidada imaxe onde resalta o seu fío condutor cos seus máximos expoñentes: a gaita e os recordos que emanan de temas míticos e lendarios.
O domingo, 30 de abril, á animación diúrna sumarase pola noite tres concertos en distintos puntos de Portonovo: Rafael Picó, A Curva e Praza Méndez Núñez. Para incentivar o consumo nos establecementos repartiranse un total de 800 boletos para o sorteo de estancias en hoteis e spa no municipio entre os clientes que consuman nos locais participantes.

O broche a "Portonovo gastronómico. Festa da Raia 2023" porao a entrega da Raia de Ouro que terá lugar nos xardíns de Casa Don Fernando. Unha comitiva formada polos "Gatiños de Portonovo" e "Lembranzas" acompañarán ao homenaxeado e ao alcalde, xunto a membros da corporación municipal, desde a lonxa ata a casa mariñeira.

O cartel da festa está elaborado pola directora do Centro de Arte de Sanxenxo, María Vázquez, no que pode verse varias especies de mar e unha caracola, a modo de altofalante. A imaxe evoca a tradición mariñeira de Portonovo e o típico tapeo da vila.

0
0
0
s2sdefault