Concello de Sanxenxo - XUNTA E CONCELLO ASINAN O CONVENIO PARA EXECUTAR A PRIMEIRA FASE DO MERCADO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A actuación que inclúe o soterramento do tráfico dun tramo da Rúa de Madrid e unha gran praza ten un custo de 2,3 millóns

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para executar a primeira fase do mercado de abastos de Sanxenxo. A actuación inclúe o soterramento do tráfico dun tramo da Rúa de Madrid cun aparcadoiro con 32 estacionamentos e unha gran praza. O goberno galego financiará as intervencións achegando 1 millón de euros e o Concello licitará, executará os traballos e achegará o investimento restante, algo máis de 1,3 millóns. Os arquitectos redactores do proxecto, Tony Bosch e Daniel Masana, acudiron desde Barcelona á firma para explicar a fase do proxecto. "Trátase de xerar un espazo e amplialo para o peón, pero sen perder a funcionalidade rodada que se necesita e de funcionamento ordinario neste punto", sinalou.

O convenio ten vixencia ata o 31 de decembro de 2024 polo que as obras recollidas deberán estar finalizadas antes do final do próximo ano. O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de abastos mediante o soterramento do tráfico na Rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada. Esta primeira fase licitarase a próxima semana e está previsto que poida comezar en setembro tras o parón do verán.

O Concello convocou un concurso de ideas para a execución dunha intervención integral na que se inclúe o novo edificio do mercado e dependencias municipais. A proposta gañadora, ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade. A intervención reduce o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e prima a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo.

O alcalde agradeceu a implicación da Xunta e lamentou "a falta de compromiso do goberno de España coa actuación" e anunciou a solicitude de fondos europeos para a segunda fase, así como da Consellería de Industria.
Ethel Vázquez incidiu en que as actuacións recollidas neste acordo centraranse na execución dun paso inferior para o tráfico da rúa de Madrid, desde o que se dará entrada ao aparcadoiro do novo edificio do mercado. Tamén se procederá á reurbanización da Rúa de Madrid, desde a Rúa Panadeira ata o seu encontro coa glorieta de intersección da propia rúa de Madrid coa rúa Progreso.

Ademais, destacou a creación dunha nova praza pública a nivel, na parte superior do paso inferior, fronte ao novo edificio do mercado, que executará o Concello. Fai falta sinalar que estas intervencións constitúen unha 1ª fase dos traballos que o Concello vai desenvolver na contorna do mercado, onde vai construír un novo edificio que albergará o novo mercado, unha sala de estudos, unha biblioteca, unha sala polivalente e unha terraza con bar-restaurante. O paso inferior para o tráfico subterráneo que se executará no marco deste convenio dará servizo e acceso ao aparcadoiro que se prevé no proxecto destes novos equipamentos.

0
0
0
s2sdefault