O vehículo creado por alumnos da FP de Automoción de Vilalonga participa nunha liga internacional de coches verdes
O IES de Vilalonga organiza o "X Foro de Innovación Tecnolóxica na Automoción" que, nesta ocasión, salienta nas diferenzas das novas tecnoloxías da electrificación e do hidróxeno que se desenvolven para os vehículos. A actividade que terá lugar este xoves e venres, conta con charlas impartidas por profesionais do sector chegados de distintos puntos da xeografía española, ademais da participación de docentes doutros centros educativos galegos ou a presentación de proxectos de innovación da FP da automoción en Galicia.
E é, precisamente, neste foro no que a FP de Automoción de Vilalonga presentará o seu proxecto de coche eléctrico, Kartlonga, co que está a participar nunha liga internacional de coches verdes obtendo importantes resultados. Trátase dun bólido de menos de tres metros de longo, de 80 centímetros de ancho e apenas 80 quilogramos de peso co que xa obtiveron catro premios e competiron en Navarra, Valencia e mesmo Lisboa. O obxectivo é realizar unha competición destas en Galicia na que se poidan competir con outros vehículos das mesmas características.
O X Foro de Automoción arrincará o xoves, pola tarde, con talleres prácticos no IES de Vilalonga sobre ciberseguridade, cambios automáticos ou diagnóstico en motores térmicos. O venres a actividade trasladarase, pola mañá, ao Auditorio de Emilia Pardo Bazán con relatorios e mesas redondas onde sentarán representantes de marcas punteiras na automoción. Pola tarde, seguirá o bloque práctico no instituto con demostracións de camións de hidróxeno, un vehículo militar, un Q8 ou un Lexus. Durante estas dúas xornadas, realizaranse exposicións de libros técnicos, ferramentas e vehículos innovadores. Ademais, tamén se realizarán probas de vehículos eléctricos e híbridos na estrada.
Para máis información: Rafael Domínguez (609 020 233)